Ficha biblioteca

Nova A Deputación da Coruña crea as sedes electrónicas dos concellos de Tordoia e Oza-Cesuras
Avisar de erros Imprimir ficha
Contido novo Valoración: 0 de 5 (0)
A Deputación da Coruña crea as sedes electrónicas dos concellos de Tordoia e Oza-Cesuras A institución provincial xa deu soporte á creación desta plataforma en 82 entidades locais e tramitou 240.000 expedientes electrónicos na presente lexislatura
17/02/2017|Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña creará as sedes electrónicas dos concellos de Tordoia e Oza-Cesuras, que permitirán aos cidadáns e aos traballadores públicos realizar unha gran cantidade de trámites de maneira sinxela e automatizada, promovendo así o aforro de tempo e custos e un modelo de xestión transparente e eficaz.

O deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira Piñeiro asinou hoxe os convenios mediante os cales a institución provincial se compromete a deseñar e implantar sedes propias e personalizadas para cada municipio.

A través de calquera ordenador con acceso a internet e cun certificado electrónico, como pode ser o DNI, os habitantes de Oza-Cesuras e Tordoia poderán presentar instancias, solicitar licenzas, consultar expedientes ou descargar documentos oficiais como impresos de empadroamento, entre outros moitos trámites. As novas sedes tamén ofrecerán información en aberto sobre os diferentes procesos e trámites, e indicacións sobre como realizalos electronicamente.

Igualmente, a Deputación creará portais de transparencia para estes municipios, nos que se farán públicas informacións coma a estrutura do concello, os salarios dos responsables políticos, os orzamentos e as contas anuais e documentos relativos ás contratacións, plans, proxectos e subvencións.

As sedes de Tordoia e Oza-Cesuras terán os enderezos independentes sede.concellodetordoia.gal e sede.concellodecesuras.es, e estarán inscritos dentro da plataforma da administración electrónica provincial.

82 sedes electrónicas e máis de 240.000 expedientes tramitados

Un total de 80 municipios, o Consorcio das Mariñas e o Consorcio Provincial Contra Incendios xa están subscritos ao convenio marco da Deputación para a creación de sedes electrónicas e portais de transparencia, que abrangue todos os procesos esenciais para guiar e axudar os concellos coruñeses na transformación dixital e garantir a intercomunicación entre todas as administracións locais da provincia.

Para dar soporte á implantación das sedes electrónicas nos 93 concellos da provincia da Coruña, a Deputación inviste 3 millóns de euros en cada exercicio, co obxectivo de garantir a relación electrónica coa cidadanía, facilitar a tramitación electrónica, prover o arquivado electrónico dos expedientes, protexer o dereito á información e a transparencia, acadar o completo funcionamento electrónico interno e impulsar a coordinación entre as administracións.

Esta aposta pola transformación dixital reflíctese tamén en cifras coma os 240.000 expedientes que a Deputación tramitou durante a presente lexislatura de forma integramente electrónica. Ademais, a institución provincial tramita xa todas as súas liñas de subvencións a concellos e entidades e os seus plans de investimentos nos concellos de forma dixital, o que permite a redución de tempos na tramitación, aforro de tempo e diñeiro aos solicitantes e ao erario público e maior transparencia na xestión.

Sistema de Interconexión de Rexistros

A Deputación da Coruña tamén facilita a adhesión dos concellos ao Sistema de Interconexión de Rexistros (SIR), unha plataforma que permite o intercambio de asentos electrónicos de rexistro entre as administracións públicas de forma segura e con conformidade legal.

Na práctica, este servizo implica que calquera cidadán poida enviar documentos de maneira inmediata a calquera entidade do estado, desde a Deputación ou os oito concellos que xa están adheridos ao SIR. Deste modo, elimínase o tránsito de papel entre administracións, aumentando a eficiencia e eliminando os custos de catro euros por cada asento tipo.

Temas:Administración electrónica
Colectivos:Cidadáns/ás, Entidades locais, Empresas
Organizacións:Deputación de A Coruña, A Coruña / CARNOTA, A Coruña / CESURAS, A Coruña / OZA DOS RÍOS, A Coruña / TORDOIA
Ámbitos xeográficos:A Coruña
Valorar:
Enviar