Ficha biblioteca

Nova A Xunta abre a convocatoria de axudas para dotar de banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos de zonas illadas do rural
Avisar de erros Imprimir ficha
Valoración: 0 de 5 (0)
A Xunta abre a convocatoria de axudas para dotar de banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos de zonas illadas do rural Desde mañá e ata o 20 de abril poden realizar a súa solicitude empresas e autónomos que non dispoñan de acceso a internet de cando menos 30 Mbps. A Xunta destinará 1 millón de euros a axudas para subvencionar ata o 100% dos custos das tarefas para a dotación de banda larga ultrarrápida, cun máximo de 20.000 euros por beneficiario. É a segunda actuación do Plan de Banda Larga da Xunta, que complementa á lanzada en 2016 para dotar de conexión a internet de ata 350Mbps a 81 polígonos industriais.
20/03/2017|Amtega

Dende mañá e ata o 20 de abril empresas e autónomos das zonas illadas do rural poderán solicitar axudas para o acceso a banda larga ultrarrápida. Con esta convocatoria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha a segunda das actuacións do Plan de Banda Larga 2020 para a extensión da cobertura de redes de banda larga ultrarrápida na Comunidade.

 

A Amtega destina a esta convocatoria un orzamento de 500.000 euros, que se poderá ampliar ata un máximo de 1 millón de euros, en función da demanda. Estas axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000€ por beneficiario. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000€.

 

Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

 

Prazos e características da convocatoria

Os interesados poderán presentar as súas solicitudes no prazo máximo dun mes dende o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG.

 

Os principais requisitos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 megas e manter a alta no servizo contratado inicialmente durante cando menos 1 ano.

 

Para cada solicitude valorarase a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo inversor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas.

 

Redes ultrarrápidas en polígonos

Esta convocatoria é a segunda actuación do Plan de Banda Larga de Galicia 2020, que en xullo de 2016 puxo en marcha unha primeira actuación para conectar 81 polígonos industriais das catro provincias galegas a redes de ata 350 Mbps, que non contan con cobertura de redes ultrarrápidas nin previsión de dispoñer deste servizo.

 

En 2016 completouse o despregamento en 17 polígonos. En 2017 cubriranse outros 30 e en 2018 os 34 restantes. Deste xeito, no ano 2018, un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs. O resto cubriranse nas seguintes actuacións previstas no Plan.

 

Plan de Banda Larga 2020

O Plan de Banda Larga de Galicia 2020 foi aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, e asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.

 

 

 

Temas:Administración electrónica, Sociedade da información, Tecnoloxía e telecomunicacións
Colectivos:Autónomos/as, Empresas
Organizacións:Modernización e Innovación Tecnolóxica (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia)
Ámbitos xeográficos:Galicia
Valorar:
Enviar