Ficha biblioteca

Nova A Deputación de Ourense recibe o premio dos enxeñeiros informáticos de Galicia pola iniciativa
Avisar de erros Imprimir ficha
Contido novo Valoración: 0 de 5 (0)
A Deputación de Ourense recibe o premio dos enxeñeiros informáticos de Galicia pola iniciativa Manuel Baltar recibiu o galardón outorgado á administración provincial ourensá, na gala da IX Noite da Enxeñería Informática celebrada en Compostela, na que se recoñeceu a innovación da Deputación de Ourense na súa visión global de provincia e na aplicación do concepto "smart city" ao ámbito provincial
19/06/2017|Deputación de Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe en Compostela o premio que lle outorga á institución provincial o Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG) pola iniciativa "Provincia Intelixente", promovida por Manuel Baltar. A gala da IX Noite da Enxeñería Informática, o evento TI de referencia en Galicia, recoñeceu recoñeceu a innovación da Deputación de Ourense na súa visión global de provincia. O evento tivo lugar no Hotel Monumento San Francisco, de Santiago.

Precisamente, o xurado valorou a aplicación do concepto de "Smart City" ao eido provincial, de xeito que unifica e centraliza esforzos nun gran proxecto cunha visión global da provincia, no que sumará a xestión de 7.273 Km e solucións para os seus 424.652 habitantes, dos que 109.779 son residentes no exterior. Trátase dunha iniciativa que xa está en marcha despois dunha primeira fase de análise e definición.

Segundo a valoración do xurado, a iniciativa "Provincia Intelixente" inscríbese no Plan Ourense 15-19 da Deputación de Ourense, que recolle 77 accións a executar en 48 meses e que pretende converter a provincia nun referente nacional e internacional no ámbito da innovación na xestión pública, de xeito que a Deputación sexa un "Concello de concellos" baixo unha visión global para atender os 92 municipios da provincia.

á hora da concesión do galardón, os membros do xurado do CPEIG valoraron a xestión da información dos concellos desde un punto de vista único con tres obxectivos: cooperación, optimización de recursos e redución de custos. Deste xeito, conseguirase a mellora do modelo de gobernanza; transparencia e apertura dos gobernos, e a mellora da calidade dos servizos prestados e control dos contratos de servizos. Tamén se acadará a mellora da calidade medioambiental da provincia; a redución do gasto público e a mellora da coordinación entre servizos e administracións, así como o apoio aos gobernantes na mellora da toma de decisións, e o fomento da innovación e o emprendemento.

A plataforma "Provincia Intelixente" integrarase con sistemas expertos aplicables a cada eido temático: solución transversal para todos os sistemas de información, recompilación de información desde diversas solucións, analítica (descritiva e preditiva) da información recompilada, e interoperabilidade e reutilización. Todo isto redundará nun gran obxectivo final: incremento da calidade de vida da cidadanía e xestión prudente dos recursos.

Os premios entregados na gala de hoxe foron os seguintes: Premio Traxectoria Profesional (a Andrés Xavier García-Rodeja Fraga, director do Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de DXC Technology en Galicia), Premio Iniciativa Emprendedora (ás empresas Linknovate e Situm), Premio Proxecto Fin de Carreira (ao estudante da UDC Roberto Carracedo Varela), Premio Iniciativa de Administración (á Deputación de Ourense, pola súa iniciativa Ourense Provincia Intelixente), Premio Iniciativa Empresarial (á entidade financeira galega ABANCA), Premio Colexiado de Honra e o Premio Ada Byron (a María José Talavera), dirixido este último a mulleres enxeñeiras en Informática, líderes na adopción da tecnoloxía e, segundo se fai saber nas bases do galardón, "con capacidade para mesturar coñecementos técnicos e visión social".

Ademais, convocouse o Premio Iniciativa eInclusión, para a Cruz Vermella, polo seu servizo de teleasistencia avanzada para persoas maiores ou dependentes, proxecto impulsado pola Cruz Vermella co apoio técnico de Televés. A Colexiada de Honra foi Mar España Martí, directora da Axencia Española de Protección de Datos. E outorgouse o Premio 10 anos conectad@s a distintas entidades e persoas que ao longo desta década de vida do CPEIG amosaron o seu compromiso coas iniciativas do colexio e da Enxeñaría en Informática.

Mellor deputación en contratación pública

Recentemente, a Deputación de Ourense foi tamén galardoada con premio ao "Mellor proxecto de contratación pública electrónica nunha Deputación en España", recoñecemento que outorga a empresa Vortal, premio que foi recollido en Madrid polo vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Jorge Pumar.

Asemade, a Deputación de Ourense ocupa o primeiro posto en transparencia das deputacións de Galicia e o sétimo dos gobernos provinciais de España, un ámbito no que Ourense vén de situarse novamente á vangarda sendo a primeira institución pública de Europa que implantará o primeiro ecosistema europeo de avaliación da transparencia en tempo real, unha ferramenta que posibilitará tamén a participación dos cidadáns e actores sociais no proceso de avaliación continua, nun exercicio único de rendición de contas en España. Esta plataforma foi presentada o pasado xoves polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Asociación Transparencia Pública, Juan Manuel Roa, unha innovación tecnolóxica de "goberno aberto" que permitirá coñecer en cada momento o nivel de cumprimento coas obrigas de transparencia e dereito ao acceso á información de todos os entes obrigados por lei na provincia de Ourense.

Temas:Administración electrónica
Colectivos:Cidadáns/ás, Entidades locais, Empresas, Outras administracións
Organizacións:Deputación de Ourense
Ámbitos xeográficos:Ourense
Valorar:
Enviar