Ficha biblioteca

Nova A Xunta fomenta o uso de enerxías renovables con 500 proxectos para particulares, empresas, administracións e sector primario
Avisar de erros Imprimir ficha
Valoración: 0 de 5 (0)
A Xunta fomenta o uso de enerxías renovables con 500 proxectos para particulares, empresas, administracións e sector primario A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia a posta en marcha de 438 instalacións de xeotermia, aerotermia e solar térmica para familias, empresas e institucións públicas e 79 proxectos de biomasa, xeotermia, fotovoltaica e minieólica destinados ao sector agrícola
11/08/2017|Xunta de Galicia

A Xunta consolida a súa aposta polas enerxías renovables e o seu compromiso de impulsar a eficiencia enerxética coa resolución das convocatorias tanto de enerxías renovables destinada a particulares, empresas e administracións, como a dirixida ao sector primario. En total, desenvolveranse 517 proxectos, cun investimento de 3 millóns de euros.

A posta en marcha destas instalacións, apoiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, contribuirá á diminución da factura enerxética dos beneficiarios, así como un aforro enerxético de 800.000 litros de gasóleo que posibilitarán unha redución de emisións de CO2 de máis de 2.000 toneladas anuais, o equivalente á acción de máis de 100.000 árbores. A previsión é mobilizar 8 millóns de euros no sector coa creación de 90 postos de traballo.

O Goberno galego destinará un total de 1,95 millóns de euros -o que supón case 600.000 euros máis do inicialmente previsto- para a posta en marcha dun total de 438 proxectos para a creación, mellora e ampliación de instalacións de bombas de calor (xeotermia e aerotermia) ou solares térmicas por parte de familias, empresas e administracións.

En concreto, beneficiaranse destes apoios un total de 379 familias, 37 pemes e 22 administracións galegas. Ademais, destes 438 proxectos, 355 estarán destinados á instalacións de aerotermia e solar térmica e os restantes a instalacións xeotérmicas. Estas actuacións posibilitarán un aforro de enerxía de case 400.000 litros de gasóleo ao ano coa consecuente redución de emisión en máis de 1.000 toneladas anuais, o equivalente á acción de máis de 50.000 árbores. Con estas iniciativas, mobilizaranse 4,3 milllóns de euros no sector e crearanse preto de 60 postos de traballo.

Estes apoios enmarcanse no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), polo que a iniciativa vai permitir a mellora da eficiencia enerxética no ámbito rural.

A axuda poderá alcanzar o 50% para particulares ata 12.000 euros de custe elixible, no caso de proxectos de xeotermia e 6.000 euros para aerotermia ou solar térmica. No caso das medianas empresas a porcentaxe da axuda será un 40% do custo elixible, un 50% para as pequenas empresas e un 75% para as administracións públicas. Nestes casos os máximos serán 50.000 para xeotermia e 20.000 euros para aerotermia ou solar térmica. As actuacións inclúen o equipamento principal de xeración de enerxía, así como o custe da montaxe ou accesorios para o funcionamento dos equipos, ademais do sistema de captación, no caso da xeotermia. Grazas a esta liña de axudas, nos últimos dous anos concedéronse preto de 500 apoios aos que se suman os máis de 400 deste ano.

Proxectos de enerxías renovables no sector agrícola primario
Froito do seu compromiso coa mellora da eficiencia enerxetica, a Xunta ampliou este ano a súa aposta polas enerxías renovables e o seu compromiso co medio ambiente cunha nova convocatoria de axudas para proxectos, pioneira en Galicia, destinada a empresas de produción agrícola primaria. A Consellería de Economía, Emprego e Industria invistirá 1,1 millóns de euros -500.000 euros máis dos inicialmente previstos- para a execución dun total de 79 proxectos para instalacións de biomasa, xeotermia, fotovoltaica e minieólica coas que se prevé mobilizar 3,74 millóns de euros.

Con esta nova orde preténdese achegar o uso de fontes renovables de enerxía a un sector para o que non existía unha liña de axudas específicas impulsando, deste xeito, a industria agroalimentaria, un motor da economía galega.

Deste xeito, a posta en marcha destas instalacións permitirá un aforro económico anual de máis de 250.000 euros, así como un aforro de case 400.000 litros de gasóleo. Así redúcense as emisións de CO2 en máis de 1.000 toneladas anuais, equivalente á acción de máis de 50.000 árbores.

As pemes galegas poderán alcanzar o 70% do custo elixible: ata 50.000 euros por proxecto e 100.000 euros por empresa. As actuacións inclúen o equipamento principal de xeración e os custos da montaxe e de posta en marcha.

Con esta convocatoria preténdense fomentar os investimentos en proxectos de enerxía renovables no sector agrícola primario facendo máis atractivos os períodos de retorno do investimento. Tamén se busca reducir os custos enerxéticos para mellorar a competitividade do sector; diminuír o consumo de enerxías convencionais e propiciar unha mellora socioeconómica das áreas rurais coa creación dunha trintena de postos de traballo. 

Temas:Medio ambiente, Desenvolvemento sostible, Protección do medio
Colectivos:Cidadáns/ás, Entidades locais, Empresas, Outras administracións
Organizacións:Xunta de Galicia, Medio ambiente, Territorio e Infraestruturas
Ámbitos xeográficos:Galicia
Valorar:
Enviar