Ficha biblioteca

Nova Convocatoria de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras do RISGA
Avisar de erros Imprimir ficha
Valoración: 0 de 5 (0)
Convocatoria de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras do RISGA Orde do 12 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga) e se aproba a súa convocatoria para o ano 2018
12/01/2018|DOG

BDNS (Identif.): 379783.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde os concellos e as agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, sempre que todos eles dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución do obxecto para o cal se concede a subvención.

2. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. En todo caso, a solicitude conxunta de subvención para o desenvolvemento dun servizo ou programa exclúe a posibilidade de solicitude individual.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública das axudas e subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral (código de procedemento TR351F), e a aprobación da súa convocatoria para o ano 2018.

2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde tramitarase de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Requisitos das obras ou servizos

As contratacións deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) En todo caso, as contratacións polas cales se conceda a subvención deberán ser para a realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social competencia das entidades locais.

b) Con independencia da duración do contrato, o período de contratación subvencionable será de sete meses. Os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución de concesión da subvención e, en todo caso, dentro do exercicio 2018.

Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a persoa responsable da respectiva xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá autorizar a prórroga do dito prazo establecido na resolución de concesión, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

c) A selección de traballadores e traballadoras que se contraten será realizada por un grupo mixto constituído para tal fin por representantes da Consellería de Economía, Emprego e Industria, da entidade beneficiaria e dos equipos de inclusión sociolaboral dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, cando o ámbito territorial da entidade beneficiaria estea comprendido dentro das súas demarcacións para a intervención, que actuará de conformidade cos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

d) Os traballadores e traballadoras que se contraten deberán ser, en todo caso, persoas perceptoras da Risga e estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como persoas demandantes non ocupadas. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato. Terán preferencia, en todo caso, as persoas perceptoras da Risga que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 45 anos e os que teñan cargas familiares.

e) Calquera que sexa a entidade local que realice as contratacións, deberá solicitar as persoas demandantes non ocupadas necesariamente mediante a presentación da oferta específica do programa de contratación de persoas beneficiarias da Risga, nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia. Excepcionalmente, mediante a autorización expresa da respectiva xefatura territorial, e logo da acreditación da condición de persoa beneficiaria da Risga por parte da entidade solicitante, poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal.

f) Efectuada a selección dos traballadores e traballadoras, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación utilizando necesariamente a modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.

Cuarto. Importe

1. O importe da subvención que se concederá ás entidades beneficiarias será o equivalente ao necesario para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa desempregada contratada que reúna os requisitos establecidos no artigo 12 da presente orde.

2. O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada. En todo caso, e con independencia da xornada de traballo a tempo completo ou a tempo parcial, a xornada de traballo subvencionable será como máximo do 75 % e non poderá, en ningún caso, ser inferior ao 50 %.

3. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

4. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Temas:Administración local, Servizos sociais
Colectivos:Cidadáns/ás, Entidades locais
Organizacións:Xunta de Galicia, Economía e Industria
Ámbitos xeográficos:Galicia
Valorar:
Enviar