Ficha biblioteca

Nova A Xunta inicia a primeira fase de dixitalización de 10 lonxas galegas
Avisar de erros Imprimir ficha
Valoración: 0 de 5 (0)
A Xunta inicia a primeira fase de dixitalización de 10 lonxas galegas A conselleira do Mar e a directora da Amtega explicaron a iniciativa aos representantes das confrarías de Arcade, Cangas, Ferrol, Fisterra, Illa de Arousa, Moaña, Portonovo, Redondela, Vigo e Vilaboa
13/02/2018|Amtega

A Xunta inicia a dixitalización das lonxas en 10 das 35 rulas previstas no marco do Programa Primare. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, mantiveron esta semana unha xuntanza de traballos co patróns maiores e responsables das confrarías que participan na primeira fase da iniciativa: Arcade, Cangas, Ferrol, Fisterra, Illa de Arousa, Moaña, Portonovo, Redondela, Vigo e Vilaboa.

Serán as primeiras lonxas que terán á súa disposición unha plataforma tecnolóxica única, que integrará os sistemas de xestión, comercialización e emisión de notas de venda, modernizando a xestión duns procesos fundamentais na xestión e comercialización que se desenvolve nas lonxas galegas.

Solucións de comercialización e xestión

As lonxas terán acceso nesa plataforma a unha nova solución de comercialización que lles permitirá obter información de xeito automático da identificación, clasificación e pesada das capturas descargadas na lonxa para a súa poxa nas distintas modalidades e emitir os documentos relacionados coa comercialización dos produtos; así como introducir e validar a información de xeito directo desde outros sistemas de información. A iniciativa inclúe a renovación dos equipos tecnolóxicos asociados que sexa necesario: pantallas de subasta, servidores, smartphones, equipamento que facilite a comunicación con básculas e etiquetadores, etc.

Disporán tamén dun novo sistema de xestión da actividade propia da lonxa e da confraría (comercialización, subministracións, presentación de servizos,...), que lles facilitará a tramitación da contabilidade, da facturación, do pago impostos coas distintas administracións e a xestión social da entidade (censo, información de interese, etc.).

Poxas online

Ademais, o novo sistema de comercialización posibilitará as poxas online, que poderán realizarse directamente desde unha nova aplicación instalada no smartphone. Poderase tamén poxar en diferentes rulas ao mesmo tempo por parte de compradores presenciais e non presenciais, o que cambiará de maneira substancial os procedementos das lonxas tradicionais, permitindo obter maior valor engadido para os vendedores.

En paralelo, as actuacións que se porán en marcha teñen previsto a mellora ao longo do 2018 tanto da conectividade ás redes de comunicacións, ampliando as capacidades e mellorando a fiabilidade actual, como das infraestruturas e equipamentos tecnolóxico das rulas.

Modernización de centros neurálxicos

Co proceso de dixitalización mellorarase a xestión das lonxas en todo o que ten que ver coa a trazabilidade e a seguridade alimentaria e contribuirase a aumentar a eficiencia, a seguridade. Estes son aspectos fundamentais, tendo en conta que as lonxas son na actualidade os centros neurálxicos para a comercialización en orixe dos produtos pesqueiros, acadando no ano 2016 os 500 millóns de euros de facturación pola venda de peixe e marisco.

Para levar a cabo estas actuacións a Consellería do Mar investirá máis de 3,8 millóns de euros distribuídos nas anualidades 2017, 2018 e 2019. Esta cantidade será cofinanciada nun 75% polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

Primare

O proceso de transformación dixital das lonxas é unha das actuacións previstas no Programa Primare da Xunta, que impulsa a Amtega en colaboración coas Consellerías do Mar e do Medio Rural para modernizar os sectores primarios galegos a través de solucións tecnolóxicas innovadoras.

Temas:Administración electrónica, Comercio
Colectivos:Asociacións e ONGs, Cidadáns/ás, Entidades locais, Empresas
Organizacións:Xunta de Galicia, Medio Rural e do Mar, Modernización e Innovación Tecnolóxica (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia)
Ámbitos xeográficos:Galicia
Valorar:
Enviar