A Xunta destinará preto de 0,5 millóns de euros a subvencionar entre este ano e o que vén 18 obras, estudos e proxectos de iniciativa municipal co obxectivo común de conservar e poñer en valor o patrimonio que caracteriza ás sete reservas de biosfera existentes na Comunidade.
Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, ángeles Vázquez, durante unha visita ao concello de Oza-Cesuras, que foi un dos beneficiarios da orde de axudas para actuacións na Rede de reservas de biosfera de Galicia convocada en abril e cuxa resolución se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia.
De carácter bianual e cofinanciadas pola UE a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), o importe máximo destas subvencións é de 30.000 euros e con elas, as entidades locais poden cubrir o 100% do custo subvencionable.
Acompañada do alcalde, Pablo González, a conselleira explicou que no caso de Oza-Cesuras, a axuda de 22.700 euros concedida permitirá que o concello acometa o acondicionamento paisaxístico e ambiental da contorna do antigo sanatorio de Cesuras, unha finca municipal de 7 hectáreas que quere potenciar como parque forestal de uso público, previa eliminación de especies exóticas invasoras e grazas ao plantado de exemplares autóctonos e á instalación de sinais divulgativos sobre os valores do espazo.
O 37% do territorio galego
En Galicia hai 7 reservas da biosfera —Terras do Miño; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Ribeira Sacra, Serras de Oribio e Courel; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; área de Allariz; Gerês-Xurés; e As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo— que abranguen o 37% da superficie da Comunidade e se distribúen entre un total de 86 concellos, nos que vive medio millón de persoas.
Neste sentido, ángeles Vázquez salientou que todas as actuacións que resultaron beneficiarias na actual convocatoria teñen o obxectivo común de contribuír a deter e reverter a perda de biodiversidade, potenciar os servizos ecosistémicos e conservar os hábitats e as paisaxes propios destas zonas, que destacan polos seus elevados valores naturais e polo seu desenvolvemento en harmonía coas poboacións asentadas nelas.
Así, entre as actuacións municipais que se executarán grazas a estas subvencións da Xunta figuran iniciativas para a recuperación de vexetación de ribeira nos ríos ou de eliminación de especies invasoras; accións de concienciación e divulgación ambiental; mellora e sinalización de sendas e áreas de descanso; ou traballos de rehabilitación e recuperación de elementos etnográficos (muíños, lavadoiros, etc) e de construcións representativas dos sistemas agrarios tradicionais propios das reservas de biosfera.
ángeles Vázquez tamén lembrou que estas non son as únicas axudas que xestiona o seu departamento para poñer en valor os espazos naturais galegos. Así, só en 2024 convocáronse tres liñas de subvencións por un importe global de 6,2 millóns de euros dirixidas a preservar os espazos naturais galegos amparados baixo distintas figuras de protección: parques naturais, Rede Natura e reservas de biosfera.
De feito, a responsable autonómica salientou que as bases permiten que os concellos beneficiarios das axudas para intervir nalgunha das sete reservas de biosfera de Galicia tamén poden acollerse aos incentivos para proxectos en parques naturais ou espazos incluídos en Rede Natura, sempre que os soliciten para liñas diferentes.