Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar o contido ofrecido.
A Deputación de Pontevedra abre este venres 20 de febreiro o prazo para que os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia soliciten actuacións no marco de +Música, o programa provincial que busca apoiar a programación artística en galego. +Música conta este ano cun orzamento de 700.000 euros co obxectivo de contribuír á difusión, á promoción e ao fomento da cultura galega a través de vivencias culturais no idioma de Galicia. O prazo de solicitude pechará o 5 de marzo.
Os concellos da provincia de Pontevedra de ata 50.000 habitantes poden solicitar entre unha e tres actuacións musicais de artistas e grupos inscritos no catálogo do programa, co obxectivo de promover a distribución de produtos culturais que fomenten e faciliten o acceso á cultura galega. As actuacións deberán ter lugar entre o 15 de abril e o 31 de decembro de 2026 e cada concello poderá optar por dúas opcións. A primeira delas será a solicitude dunha actuación, no caso de que o caché do grupo supere os 12.000 euros (seleccionando como segunda opción un grupo con caché inferior); a segunda, solicitar un máximo de tres actuacións, sempre que a suma dos cachés de todos os grupos e artistas non supere esa mesma cantidade. A Deputación encargarse de aboar o caché, mentres que será o concello o encargado de sufragar os gastos derivados da produción do espectáculo ou espectáculos.
A través do programa +Música, a Deputación apoia a programación artística profesional en galego nos concellos da provincia de Pontevedra dinamizando a actividade cultural do territorio e incentivando o turismo cultural da provincia, con propostas de transcendencia supramunicipal que consolidan a música galega e en galego. Para asegurar o equilibrio e diversificación de ofertas, a cada artista ou grupo só se lle poderán conceder un máximo de catro concertos. Ademais, os concellos non poderán solicitar actuacións de grupos dos que xa obtiveran actuacións nas dúas convocatorias anteriores de +Música.