Modelo de Convenio de prestación conxunta de servizos entre entes locais galegos

Modelo de Convenio de prestación conxunta de servizos entre entes locais galegos

O Consello da Xunta do 1 de marzo de 2012 aprobou un modelo de convenio marco que facilita a colaboración entre os entes locais galegos e que permite que os concellos que o desexen poidan levar a cabo a prestación conxunta de servizos sen necesidade de ter que crear novos organismos ou entes administrativos.

O texto é un modelo de convenio aberto que os municipios poden subscribir para compartir a prestación de servizos, reducindo burocracia, simplificando os trámites administrativos e facilitando aos concellos que desexan colaborar que poidan iniciar de inmediato a cooperación, sen ter que crear novos entes como mancomunidades ou consorcios.

Os concellos galegos a través deste acordó, poden concretar os seus desexos de prestar servizos aos cidadáns de forma conxunta.

O Goberno galego aposta por fomentar a prestación conxunta de servizos como fórmula para garantir unha maior eficacia e eficiencia na xestión, minimizar os custos e garantir o mantemento da prestación dos servizos que ata o de agora se viñan prestando de forma independente. De feito, a Xunta está a priorizar nas súas convocatorias de axudas aqueles concellos que aposten pola xestión compartida de servizos. Todas as ordes de axudas e subvencións do Goberno galego nas que se valore con máis puntuación a prestación conxunta de servizos por parte dos concellos inclúen nun anexo este modelo de convenio.

Características da cooperación

O convenio baséase no principio xeral de colaboración interadministrativa, que está recollido na normativa referida á Administración local, e busca posibilitar a prestación dos servizos públicos na actual situación económica de xeito eficaz e eficiente, reducindo custos, evitando duplicidades, facendo un mellor uso dos recursos dispoñibles e garantindo o acceso dos veciños a uns servizos públicos de calidade.
Así, como mellor solución para seguir prestando determinadas competencias, os concellos que asinan o convenio acordan a xestión compartida do servizo correspondente. O propio documento marco recolle nun anexo algunhas das materias susceptibles de ser prestadas a través do convenio, como son o abastecemento de auga, a recollida de lixo, a limpeza, o mantemento de vías públicas, o transporte público ou o uso de determinadas instalacións, como é o caso das deportivas.

Comisión mixta

Ademais, o convenio xa establece que, para facilitar o seguimento, cumprimento e a coordinación, se constituirá unha comisión mixta integrada por dous representantes de cada concello, á que poderán asistir técnicos, e que terá entre as súas funcións elaborar o orzamento anual do servizo compartido, fixar o catálogo de condicións para a súa prestación e resolver as dúbidas que xurdan na súa posta en marcha, entre outras atribucións.

Modelo

Pode descargar o modelo aquí:  convenio prestación conxunta de servizos