Eidolocal

O amplo programa de modernización e reforma da Administración pública galega, coa intención de achegar os servizos á cidadanía, cristalizou tamén cara á Administración local e este proceso instrumentouse mediante a formalización, o 15 de febreiro de 1996, dun convenio de colaboración subscrito pola Consellería da Presidencia e Administración Pública e a Federación Galega de Municipios (Fegamp), para a implantación e desenvolvemento dos servizos informáticos e de telecomunicacións nos concellos. Así mesmo, o 17 de setembro de 2001 asinouse unha addenda ao citado convenio coa intención de ampliar a dimensión do proxecto inicial de tecnificación dos medios operativos da Administración a través da implantación dun portal que intensificase a comunicación e tramitación de servizos vía internet entre as entidades locais e a Xunta de Galicia (Eidolocal).

Por todo isto, pódese dicir que Eidolocal é un portal que a Xunta de Galicia pon ao servizo das entidades locais para que estas poidan darlle información á cidadanía (zona pública do Eidolocal) e que, ao mesmo tempo, sirva de vía de comunicación permanente a través da rede entre todas as entidades locais e a Administración autonómica (zona privada de Eidolocal).

Finalidade

As administracións públicas teñen o deber de atender a cidadanía e as empresas ofrecéndolles os servizos que requiren da maneira máis adecuada e accesible. O uso das tecnoloxías da información e das comunicacións, combinado cos cambios organizativos e a mellora dos procesos, así como o desenvolvemento de novas habilidades nas administracións públicas constitúen unha base fundamental para ofertar servizos públicos de maior calidade. A Xunta de Galicia pon a disposición, en Internet, Eidolocal, e pretende deste xeito, servir de canle de relación, permanente e inmediata, entre as entidades locais, a Xunta de Galicia e os propios cidadáns, axilizando os procedementos e difundindo todas aquelas materias que resulten de interese para o ámbito local. Ademais, contribuirá a impulsar a aplicación das novas tecnoloxías, precisamente, no escenario onde este impulso será máis efectivo.

Liñas de actuación e servizos

Eidolocal engloba opcións que facilitan as actividades administrativas dunha unidade de rexistro e dunha oficina de información cara á cidadanía, ademais de intensificar e axilizar a comunicación e tramitación de servizos a través dá rede entre as entidades locais e a Xunta de Galicia, incluíndo entre outros:

  • Rexistro de entradas/saídas: opción que permite rexistrar toda a documentación dirixida a calquera órgano da Administración autonómica de Galicia cos efectos previstos no artigo 38.4º b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e que, pola súa vez, pode ser utilizado polo propio concello para xestionar a súa propia documentación.
  • Guía de procedementos administrativos: descrición, requirimentos, información detallada e instancias normalizadas de máis de 2.100 procedementos administrativos informatizados da Xunta que poden ser iniciados a instancia de parte.
  • Acceso ao Rexistro Xeral de Contratistas: expedición de certificados de inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas.
  • Acceso ao Portelo Único-Consulta de expedientes: información particular sobre o estado actual de calquera expediente administrativo tramitado a instancia de parte ante a Administración autonómica de Galicia, no que o solicitante sexa interesado nos termos establecidos na lei.
  • Acceso gratuíto e completo ado DOG: a posibilidade de envío telemático de disposicións para a súa publicación desde a parte privada de portal.
  • Servizo de correo electrónico: para todos os funcionarios da entidade local dados de atla como usuarios/as no portal que o solicitasen.
  • Envío de documentación á Dirección Xeral da Administración Local: As entidades locais poden remitir e rexistrar no rexistro telemático da Xunta de Galicia as actas de acordos plenarios, actas de xuntas do goberno local, catas de comisións, publicacións de estatutos, autorizacións e orzamentos, cadro de persoal, fondo extraordinario,e tc...
  • Plataforma de contratación de Galicia: servizo desde o que calquera entidade local poderá manter os datos do seu perfil como contratante e publicar e xestionar os seus procedementos de contratación

Entidades promotoras

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, mediante a Dirección Xeral de Administración Local, A Presidencia da Xunta mediante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Fegamp como representante de todas as corporacións locais de Galicia.

Participantes en EidoLocal

Considéranse participantes no portal todos aqueles que contribúen a dotar o portal de contido. Principalmente serán as entidades que son promotoras e as propias entidades locais, as que poderán incluír no portal as súas informacións nas seccións específicas.

Así mesmo, o portal conta con contidos que ofrecen outros departamentos da Xunta de Galicia, as deputacións galegas e as administracións estatal e europea, que serán ampliados na medida en que estes vaian actualizando os seus servizos web.

Requisitos técnicos

Para garantir o correcto funcionamento do Portal EidoLocal o seu equipo debe cumprir uns determinados requisitos técnicos.