A Xunta mantén aberto o prazo ata o vindeiro venres, día 19, para que os concellos se acollan á orde de axudas para o desenvolvemento de programas de inclusión social orientados á poboación xitana, inmigrante e a outras persoas que se atopen en risco de exclusión. A través desta convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 19 de agosto, o Goberno galego pon á disposición das administracións locais máis de 8 millóns de euros para o período 2025-2027, o que supón un incremento dun 5,6% respecto á anterior convocatoria (2023-2025).
Os concellos, as mancomunidades ou agrupacións de concellos poderán empregar esta liña de achegas para financiar, entre outras, actuacións de apoio á inclusión social ou laboral, apoio á inclusión residencial, servizos de mediación social e intercultural e accións de educación e apoio familiar dirixidas a familias en situación ou risco de exclusión social. O prazo para cumprimentar os programas subvencionados mantense nos dous anos, co obxectivo de que os proxectos ofertados teñan unha maior seguridade e estabilidade financeira.
Estas axudas están cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo Plus 2021-2027 e enmárcase na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2023-2030, que fai fincapé na importancia das medidas orientadas á inclusión social das persoas usuarias dos servizos sociais comunitarios.