- Afirma que a Xunta traballa para cumprir co compromiso de duplicar o número de vivendas públicas ao longo desta lexislatura, de 4.000 a 8.000, e que en ano e medio xa están en marcha, en diferentes fases de execución, preto de 3.000
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego incrementará nun 30% as axudas para que os concellos medianos e pequenos “rehabiliten inmobles de carácter municipal que están en desuso e os dediquen a alugueiro social”.
Así o comunicou durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia en resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios, subliñando que o 95% do custe das obras de reforma estará financiado polo Goberno autonómico e as vivendas creadas terán carácter protexido para sempre. A nova convocatoria do programa aprobarase este mes no Consello da Xunta.
O titular do Executivo galego abondou na situación da vivenda en Galicia, afirmando que a Xunta traballa para cumprir co compromiso de duplicar o número de vivendas públicas ao longo desta lexislatura, de 4.000 a 8.000. Ao respecto, cómpre salientar que en ano e medio xa están en marcha, en diferentes fases de execución, preto de 3.000.
Rueda destacou que a principios do vindeiro ano a Xunta xa entregará “as primeira vivendas” e sinalou que “imos seguir facendo vivenda, cumprindo compromisos”. Neste sentido, o presidente referiuse a outras medidas postas en marcha polo Goberno galego, como desenvolver solo para 20.000 vivendas protexidas, blindar o carácter social das vivendas que se constrúan, crear os Proxectos de Interese Autonómico residenciais para reducir á metade os prazos para tramitar novo solo para vivenda protexida ou axudar aos concellos para construír ou rehabilitar vivenda.