- Financiaranse as actuacións de ampliación ou mellora dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou a varias entidades de poboación
- Unha vez executada a convocatoria das anualidades 2025-2026, o global de actuacións realizadas desde 2016 será de 6.668 camiños municipais, cunha lonxitude total de preto de 5.257 quilómetros e un importe de axudas de máis de 155,6 millóns de euros
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2026 das axudas para actuacións en camiños rurais no período 2026-2027. Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de España. Os municipios terán agora o prazo de un mes para presentar as súas solicitudes.
O orzamento desta convocatoria é de 18.998.480 euros e os beneficiarios son todos os concellos de Galicia. Financiaranse as actuacións de ampliación ou mellora dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou a varias entidades de poboación. Considérase “rede viaria” as propias vías do asentamento e as que conecten entidades de poboación entre si ou coa rede principal.
Os labores subvencionables poderán ser de ampliación ou de mellora. No primeiro caso, trátase de intervencións que supoñan un incremento da largura que incidan na mellora da seguranza viaria, permitan o cruce de vehículos ou alargamentos necesarios en zonas de curvas, de baixa visibilidade ou entroncamentos. Ademais, poderán incluír obras de incremento de lonxitude sempre e cando represente rematar nunha estrada ou noutro camiño.
As actuacións de mellora serían aquelas que representen un reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodado que soportan. Inclúense tamén as obras da drenaxe, da seguranza viaria, reforzo de noiros (con muros ou outras estruturas de contención), adecuación de obras de paso de cursos fluviais e reforzo de cunetas, así como a integración ambiental ou a mellora da sinalización.
Criterios para o reparto das axudas
Estes fondos para os camiños municipais asígnanse para todos os concellos a partir de cantidades fixas que se modulan empregando criterios de localización, despoboamento, superficie do concello e un coeficiente de agrariedade, onde se empregan datos de carácter socioeconómico vinculados á actividade agraria, que é a que se prima desde a PAC, e que debe ser o eixe principal da actividade económica no rural.
A cantidade fixa por concello será de 24.550 euros, e a partir de aí amplíase o orzamento segundo outros criterios. Por parte de cada concello poderá presentarse ata un máximo de dous proxectos, e cada un deles poderá comprender un máximo de tres actuacións. A estes efectos, enténdese por actuación a intervención sobre un mesmo camiño, ou ben sobre varios, sempre e cando, neste último caso, as obras proxectadas teñan unha continuidade física. O orzamento de execución material de cada unha das actuacións deberá ser igual ou superior a 6.000 euros.
O traballo da Xunta de Galicia nesta materia vénse facendo dende o ano 2016, primeiro a través do Plan Marco e logo do Plan Camiña Rural (a partir de 2025). Unha vez executada ao completo a convocatoria de 2025 para as anualidades 2025 e 2026, o global de actuacións levadas a cabo será de 6.668 camiños municipais, cunha lonxitude total de preto de 5.257 quilómetros e un importe de axudas de máis de 155.600.000 euros.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260205/AnuncioG0426-090126-0001_gl.html