A Xunta de Galicia ofrecerá este ano 1.750 novas prazas para preparar a certificación do Celga nos diferentes niveis. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na resposta a unha interpelación no Parlamento de Galicia na que explicou que, en total, se ofertarán 50 cursos para que “cada vez máis persoas, desde calquera lugar do mundo, poidan aprender e certificar as súas competencias na lingua acudindo posteriormente ás probas”.
Neste senso, o representante do Goberno galego fixo fincapé na importancia de “brindar á cidadanía oportunidades para estudar, examinarse e aprender o noso idioma”. Nomeadamente, precisou, ás persoas non nadas en Galicia “ás que debemos achegar a nosa cultura e a nosa lingua co fin de impulsar e prestixiar o uso do noso idioma en distintos ámbitos e contextos da sociedade”.
Con este obxectivo, o Diario Oficial de Galicia publicou onte unha convocatoria composta por 14 cursos presenciais e 36 en liña. Trátase dunha formación que pode ser solicitada a partir de mañá a través do Portal da Lingua por calquera persoa maior de 16 anos que desexe mellorar o seu coñecemento e dominio do galego e preparar as probas que a Secretaría Xeral da Lingua convoca periodicamente para acreditar as súas competencias nos niveis Celga 2, 3 e 4.
Ademais desta formación preparatoria, o Goberno galego tamén ofrece unidades específicas dirixidas a persoas non nadas en Galicia para “dar maior pulo ao emprego do noso idioma ante o incremento do número persoas provenientes de fóra da Comunidade”. Neste senso, López Campos explicou que o pasado ano foron 1.500 os alumnos e alumnas de ata 34 nacionalidades os que participaron nesta iniciativa. “A través desta medida, unha das primeiras postas en marcha ao abeiro do Pacto pola Lingua, estudaron o idioma galego persoas de lugares como Colombia, Perú, Cuba, Marrocos, Brasil, Arxentina ou a República Dominicana”.
Por outra banda, durante a súa resposta, o responsable autonómico de Lingua explicou que tamén se levaron a cabo propostas formativas para dinamizar o uso do idioma en moi diversos eidos e sectores profesionais, como o do sanidade, o da xustiza ou o da administración. A estas accións, tal e como subliñou, “uníronselle outras para impulsar o uso do galego nas tecnoloxías, coa súa incorporación en videoxogos, aplicacións educativas ou coa creación de contidos en distintas plataformas dixitais”.