Persoas beneficiarias e ámbito territorial
Inclúense dúas liñas diferenciadas.
1. Liña 1. Destinada á execución de actuacións en reservas da biosfera de Galicia. Poderán ser beneficiarias das axudas para esta liña:
- a) As administracións públicas que sexan órganos de xestión das reservas da biosfera de Galicia e que desenvolvan a actuación en zonas rurais situadas en calquera das reservas, dentro do ámbito territorial da comunidade autónoma galega.
- b) As entidades asociativas que sexan órganos de xestión das reservas da biosfera de Galicia, e que desenvolvan a actuación en zonas rurais situadas en calquera das reservas, dentro do ámbito territorial da comunidade autónoma galega.
2. Liña 2. Destinada á execución de actuacións na Rede Natura 2000 e nos parques naturais de Galicia. Poderán ser beneficiarias das axudas para esta liña:
- a) Os concellos e as entidades locais menores incluídas total ou parcialmente nalgún dos parques naturais ou na Rede Natura 2000, que leven a cabo actuacións nestes espazos protexidos ou en zonas limítrofes fóra destes, pero localizadas en parroquias incluídas parcialmente nun parque natural ou na Rede Natura 2000.
- b) As asociacións ambientais sen ánimo de lucro, incluídas aquelas que teñan asinadas acordos de custodia do territorio con persoas físicas ou xurídicas, e as comunidades de montes veciñais en man común, que leven a cabo actuacións nos seguintes espazos:
1º) En terreos incluídos nun parque natural.
2º) Na Rede Natura 2000 ou en zonas limítrofes fóra desta, pero localizadas en parroquias incluídas parcialmente na Rede Natura 2000.
- c) As persoas físicas que leven a cabo actuacións nos seguintes espazos:
1º) En terreos incluídos nun parque natural.
2º) Na Rede Natura 2000 ou en zonas limítrofes fóra desta, pero localizadas en parroquias incluídas parcialmente na Rede Natura 2000.
- d) As empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios galegos en que se sitúe un parque natural, constituídas con anterioridade á publicación da convocatoria de axudas, que leven a cabo actuacións no parque ou en zonas limítrofes fóra deste, pero localizadas en parroquias incluídas parcialmente no parque natural. Priorizaranse aquelas con domicilio fiscal dentro do parque natural e que sexan propietarias ou arrendatarias das terras para as cales se solicita a axuda.
Finalidade e obxecto
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que figuran no anexo I polas cales se rexerá a convocatoria de subvencións da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, para actuacións que promovan a conservación e a valorización do patrimonio natural e cultural da Rede Natura 2000, dos parques naturais e das reservas da biosfera de Galicia (código de procedemento MT814B).
Así mesmo, a través desta orde convócanse as devanditas subvencións para o exercicio orzamentario do ano 2026, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.
2. A finalidade das axudas é a de contribuír a deter e a inverter a perda de biodiversidade, a potenciar os servizos ecosistémicos e a conservar os hábitats e as paisaxes, contribuíndo á consecución dos obxectivos recollidos na Intervención 6871. Investimentos non produtivos en servizos básicos no medio natural –subintervención GAL6871_01– Axudas en espazos naturais, incluída no PEPAC 2023-2027.
Bases reguladoras
Orde do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2026 das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, á recuperación e á rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede Natura 2000, nos parques naturais e nas reservas da biosfera de Galicia, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento MT814B).
Contía
1. Crédito total da convocatoria: 1.870.000 euros. Esta dotación inicial poderase modificar e/ou incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Concederase o 100 % do custo subvencionable, cun importe máximo para cada tipo de persoa beneficiaria segundo se establece no artigo 3 da orde. Só se admitirá unha solicitude de axuda e un único proxecto por persoa física/xurídica solicitante, excepto para as solicitudes ao abeiro da liña 1, en que só se admitirá unha solicitude de axuda e un único proxecto por cada reserva da biosfera.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e irán dirixidas á Subdirección Xeral de Espazos Naturais da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.