- Pola súa parte, o Fondo de Rehabilitación chega á súa décima convocatoria, despois da primeira realizada en 2017
- A través de ambos os fondos xa se concederon 142 préstamos por importe de preto de 35 M€
A Xunta convoca por segundo ano o Fondo de Cooperación cos Concellos para o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción, cunha dotación de máis de 8,6 M€ (8.655.322,74 €) para 2026, ao mesmo tempo que tamén convoca o Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, dotado con 3 M€ (3.044.893,20 €).
No caso do fondo para a promoción de vivenda, trátase da segunda convocatoria deste fondo, que foi creado en 2025 e que toma como modelo o Fondo de Cooperación cos Concellos para actuacións de rehabilitación, creado en 2017.
A través deste, calquera concello de Galicia pode acceder a préstamos sen xuros, para devolver no prazo máximo de oito anos, e que deberán destinar a actuacións como a promoción de vivenda protexida de nova construción, directamente ou a través doutros promotores públicos ou privados ou medidas de urbanización dirixidas ao paso dun ámbito de solo da situación de rural a urbanizado para crear, xunto coas correspondentes infraestruturas e dotacións públicas, unha ou máis parcelas aptas para a edificación ou o uso independente e conectadas funcionalmente coa rede dos servizos exixidos pola ordenación territorial e urbanística. Tamén poderán recibir este apoio para a adquisición de solo para a promoción de inmobles de nova construción para a súa cualificación como vivendas protexidas.
En 2025 concedéronse dous préstamos por un importe total de 1.344.677,26 € destinados ambos á adquisición de terreos que posteriormente os concellos destinarán a vivenda protexida.
Fondo de Rehabilitación
Por outra parte, a Xunta de Galicia tamén realizará este ano unha nova convocatoria do fondo destinado a financiar actuacións de rehabilitación. Neste caso, a axuda vai dirixida a concellos de menos de 50.000 habitantes.
Os préstamos, coas mesmas características que os do Fondo de Promoción, poderán destinarse ás actuacións promovidas polos concellos no desenvolvemento das competencias que lles atribúe a Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, ou a lexislación urbanística, en relación coas obrigas de conservación e rehabilitación, incluída a execución subsidiaria, por parte dos concellos, de obras de edificación ou de urbanización.
Tamén ás actuacións de rehabilitación e rexeneración urbanas realizadas polo concello dentro das propias políticas municipais en materia de conservación e recuperación do patrimonio construído; a medidas de urbanización de novas vías previstas no planeamento municipal para mellorar a conexión de ámbitos urbanos ou de núcleos rurais; ás actuacións de remate das edificacións non acabadas das previstas no artigo 77 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas; á adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación ou á elaboración de plans especiais de protección.
Ao abeiro do Fondo de Cooperación para a Rehabilitación desde a súa creación en 2017 concedéronse 140 préstamos por un importe total de 31.686.088,48 euros.
Nos dous casos, o prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 15 de outubro de 2026. As solicitudes poderán presentarse desde as 9.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata as 14.00 horas do 15 de outubro de 2026.