- A conselleira María José Gómez asinou hoxe o novo convenio coas mancomunidades do Ribeiro, Terra de Celanova, Comarca do Carballiño, Comarca de Verín, Comarca de Ourense e Santa águeda, con estas dúas últimas incorporadas neste ano
- Explicou que estas brigadas, para as que se destinarán 1,9 M€ executarán actuacións en materia de vixilancia e defensa de lumes; así como labores de prevención, tanto de xeito manual como mecanizado, ao longo dun período de seis meses
A Consellería do Medio Rural, no marco do protocolo coa Deputación de Ourense, reforza a súa colaboración coas mancomunidades municipais ourensás para a constitución de 22 brigadas e afondar así na prevención de incendios forestais. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asinou hoxe o convenio a través do cal as mancomunidades da Comarca de Ourense e Santa águeda se suman a esta colaboración subscrita o pasado ano coas do Ribeiro, Terra de Celanova, Comarca do Carballiño e Comarca de Verín.
Durante o acto, no que tamén estiveron presentes o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco; o delegado territorial da Xunta na provincia, Manuel Pardo; e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; a conselleira explicou que todas as mancomunidades contarán con catro brigadas, exceptuando a de Santa águeda, que terá dúas, tendo en conta a súa dimensión territorial. Cada unha delas estará conformada por cinco ou catro compoñentes, que executarán actuacións en materia de vixilancia e defensa de lumes; así como labores de prevención, tanto de xeito manual como mecanizado, ao longo dun período de seis meses. En concreto, será desde o 4 de maio ata principios do mes de novembro.
A Consellería do Medio Rural achegará algo máis de 1,9 millóns de euros, cofinanciados parcialmente co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da PAC (Pepac) 2023-27. Este investimento permite dar continuidade a un programa piloto posto en marcha o pasado ano coas mancomunidades do Ribeiro, Terra de Celanova, Comarca do Carballiño e Comarca de Verín para a creación de 16 brigadas, polo que agora se reforza esta cooperación en liña cun dos obxectivos estratéxicos introducidos na actualización do Pladiga 2026.
Preto de 4 millóns no protocolo de cooperación
A constitución destas brigadas está enmarcada no protocolo de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Deputación de Ourense para consolidar o desenvolvemento de actuacións conxuntas dirixidas ao mantemento e a conservación das infraestruturas preventivas e da contorna agroforestal para a prevención e a defensa contra os incendios forestais na provincia, que se renova este ano. Está dotado cun orzamento de preto de 4 millóns de euros para este 2026, dos cales máis de 2,5 millóns os aporta a Consellería do Medio rural para a constitución destas brigadas, para formación do persoal dos concellos e mancomunidades no Centro de Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén e para a adquisición de máquinas hidrostáticas polivalentes, útiles para tarefas de prevención e extinción. Pola súa banda, a Deputación de Ourense achega case 1,4 millóns de euros para a compra de tractores con rozadoira.
A través desta colaboración, e a maiores das brigadas, o pasado ano entregáronse catro máquinas hidrostáticas polivalentes e ofreceuse formación para o persoal destas brigadas no CILL de Toén. A maiores, neste 2026 fíxose entrega de 12 novos tractores rozadoira adquiridos pola Deputación de Ourense.
Pladiga 2026
O pasado 13 de abril aprobouse no Consello da Xunta a actualización do Pladiga 2026, co maior investimento da súa historia con 213 millóns de euros. Esta cifra inclúe persoal, así como investimentos en prevención e extinción, e supón un 18 % máis de orzamento con respecto ao ano pasado.
Nel inclúense novidades tecnolóxicas, como a ampliación dun 30 % da rede de videovixilancia; a integración da a IA no sistema interno de xestión e a creación dunha app para que a cidadanía poida alertar dos incendios forestais. En relación cos medios humanos, refórzase a UDEX, especializada en grandes incendios forestais, que pasa de 6 a 15 membros; e incorpóranse 42 novas brigadas para a tempada de alto risco. No eido dos medios materiais, sumaranse 16 novos bulldózeres para labores preventivas e máis medios áreos, con dous novos avións de carga en terra, un de coordinación e un helicóptero pesado.