O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na comisión interdepartamental de preparación e coordinación das actuacións relacionadas coa observación da eclipse do 12 de agosto de 2026 na que se abordou a activación por parte da Xunta dunha web específica sobre a eclipse do vindeiro 12 de agosto, con información de servizo orientada a unha observación segura e sen contratempos.
Precisamente esta semana é xemelga á da eclipse do 12 de agosto, xa que o sol se atopa á mesma altura sobre o horizonte que o día do evento, polo que se trata dunha oportunidade para realizar probas técnicas de observación e medición de sombras, validar os puntos de observación preferentes en condicións reais de iluminación, realizar simulacros de aforos e accesos ou probar protocolos de seguridade.
A nova web xorde coa vontade de habilitar unha xanela única a través da que a Xunta poida ir ofrecendo á cidadanía información sobre a eclipse, así como as decisións que se vaian tomando en distintas materias na comisión de coordinación constituída entre os distintos departamentos do Executivo autonómico, e tamén as que poidan trasladar dende o Goberno de España, a través da Delegación do Goberno.
O espazo, aloxado na web corporativa da Xunta de Galicia, permite acceder a un mapa interactivo de Galicia no que se poden consultar os datos referidos á eclipse en cada concello de Galicia, desde as características do fenómeno en función do lugar de observación (se é total ou parcial), hora de inicio e de finalización, predición meteorolóxica con información de MeteoGalicia, etc.
Ademais, ofrece consellos prácticos orientados ás persoas interesadas na observación da eclipse, desde como protexer os ollos ás características que deben reunir as lentes de protección específicas, que deben estar homologadas e só se poderán utilizar se se atopan en bo estado. Os consellos sectoriais inclúen tamén recomendacións en materia de saúde, seguridade, mobilidade, protección do medio ambiente e dos espazos naturais protexidos no caso de presenciar a eclipse nalgunha destas localizacións.
Deste xeito, a web incorpora información de actualidade e contidos que se irán actualizando a medida que se achegue a data deste fenómeno astronómico excepcional. A modo de exemplo, incorpora o documento recompilatorio do programa educativo Galicia explora o ceo. Camiño da eclipse de 2026, deseñado para reforzar o papel da escola como espazo de alfabetización científica e cultural, de acceso ao coñecemento e de desenvolvemento do pensamento crítico.
Tamén enlaza con outros contidos específicos elaborados pola Xunta en relación coa eclipse, como os recursos habilitados pola Axencia de Turismo de Galicia con información en diferentes idiomas (galego, castelán, inglés, francés, alemán, portugués e italiano).
Preparación e coordinación
Continúase así coa preparación e coordinación das actuacións relacionadas coa observación da eclipse do 12 de agosto a través da comisión interdepartamental constituído a comezos de ano e na que participan representantes das consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes; Medio Ambiente e Cambio Climático; Educación, Ciencia, Universidades e FP e Sanidade, así como da Axencia Turismo de Galicia.
Así, no encontro de hoxe informouse que se está trasladando aos municipios os requisitos que deben cumprir se teñen previsto realizar algún evento no seu municipio relacionado coa eclipse, sobre todo con elevada afluencia de público, en terreos forestais, en zonas de alto risco de incendio forestal e en zonas de especial protección para os efectos de coordinación en materia de protección civil.
O obxectivo é facilitarlle á poboación a observación segura da eclipse, abordando retos como mobilidade, prevención de riscos e oportunidades turísticas e de divulgación científica, entre outros. Ademais, estase a traballar xa en coordinación con outras administracións que teñan contemplado este fenómeno na promoción dos seus territorios, dado que Galicia é un lugar privilexiado para a observación da eclipse de 2026, o que motivará unha grande afluencia de persoas á Comunidade.