O Consello da Xunta autorizou hoxe a renovación do convenio entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para cubrir os gastos de limpeza de 34 centros públicos integrados (CPI) situados en concellos de toda Galicia. A través del, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP achegará á entidade municipal un total de 695.296 € para que desenvolva estas tarefas.
O obxectivo deste acordo é garantir o correcto funcionamento do servizo nesta tipoloxía de centros, situados no rural, nos que o alumnado pode cursar as etapas de infantil, primaria e ESO. Cómpre lembrar que a limpeza dos colexios das etapas de infantil e primaria é competencia municipal, mentres que o resto de etapas de ensino non universitario son responsabilidade da Xunta de Galicia.
Polo tanto, o convenio artella a colaboración para proceder nos casos concretos dos CPI, nos que a responsabilidade é compartida. Deste xeito, refórzase a cooperación entre institucións e garántese unha prestación eficaz e sostible dos servizos públicos, evitando duplicidades e favorecendo un uso responsable dos recursos.
Centros beneficiados
Na provincia da Coruña son 12 os centros educativos: o CPI Cruz de Sar (Bergondo), Antonio Orza Couto (Boqueixón), Vicente Otero Valcárcel (Carral), O Cruce (Cerceda), Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro), A Xunqueira (Fene), da Picota (Mazaricos), de Xanceda (Mesía), Virxe da Cela (Monfero), dos Dices (Rois), de Bembibre (Val do Dubra) e de Vedra (Vedra).
Os oito de centros de Lugo son o CPI Luis Díaz Moreno (Baralla), de Castroverde (Castroverde), de Cervantes (Cervantes), Virxe do Monte (Cospeito), de Seoane (Folgoso do Courel), Tino Grandío (Guntín), Uxío Novoneyra (Pedrafita do Cebreiro) e San Tomé de Carballo (Taboada)
En Ourense son sete, entre os que están o CPI Tomás Terrón Mendaña (Carballeda de Valdeorras), Virxe dos Remedios (Castro Caldelas), Antonio Failde (Coles), Laureano Prieto (A Gudiña), de Maside (Maside), de Padrenda-Crespos (Padrenda) e Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea).
Por último, en Pontevedra son tamén sete: o CPI da Cañiza (A Cañiza), Curros Enríquez (Pazos de Borbén), de Pontecesures (Pontecesures), Domingo Fontán (Portas), Julia Becerra Malvar (Ribadumia), Manuel Suárez Marquier (O Rosal) e do Toural (Vilaboa).