- — O obxectivo é estudar a situación da lingua no buscador Google desde que os algoritmos penalizan os idiomas minoritarios
- — O Executivo autonómico apoia a iniciativa na liña do Pacto pola Lingua, que ten no eido dixital un dos seus eixos principais
- — O acordo prevé a creación dunha base de datos, a publicación de informes ou xornadas sobre a optimización do posicionamento
O Consello da Xunta autorizou hoxe un convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a entidade PuntoGal, por valor de 64.000 €, para levar a cabo actuacións orientadas á investigación da situación do galego nos resultados do buscador Google. Trátase dunha iniciativa coa que o Executivo autonómico segue a poñer o foco no impulso do idioma no eido dixital, un dos puntos estratéxicos que se recollen no Pacto pola Lingua.
Así, mediante este acordo, o Goberno galego aporta 30.000 € para colaborar ata 2028 con este estudo que ten o obxectivo de profundar na monitorización das buscas na rede de termos en lingua galega, xa que isto afecta directamente ao lugar que ocupa o idioma no ámbito de internet. A proposta chega despois de constatar que desde o 2022 os contidos en linguas consideradas minoritarias perderon visibilidade nos buscadores, o que levou a que PuntoGal iniciara unha investigación sobre a penalización no posicionamento realizado polo algoritmo do buscador máis usado, Google.
O traballo concretouse nun primeiro documento de análise e un proxecto piloto de monitorización que se complementou con reunións iniciais con expertos en posicionamento en buscadores que tiveron lugar no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, e no marco do Culturgal en Pontevedra, co apoio da Xunta.
Para este novo proxecto que se desenvolverá ao abeiro deste convenio, estipulouse que PuntoGal levará a cabo un control para obter as 50 primeiras posicións de busca de cada palabra clave indicada e que se realizará desde localizacións xeográficas distintas. Ademais, inclúe de novo xuntanzas de traballo con expertos en SEO (posicionamento en buscadores) para constituír unha comunidade ao redor deste tema e desenvolver accións concretas como a creación dunha base de datos de control e almacenaxe da información recollida, a publicación de informes anuais ou a organización dunha xornada sobre optimización de buscas en galego. Tamén incorporará o seguimento e o impacto das buscas coa intelixencia artificial, tanto en Google como noutros portais.
Sobre PuntoGal
Puntogal é a entidade xestora do dominio galego .gal desde 2014, unha organización sen ánimo de lucro establecida en Galicia que, ademais de ter atribuída a xestión dos nomes de dominio baixo este indicativo, realiza outras funcións como o desenvolvemento de iniciativas a prol da lingua e a cultura galegas en distintos ámbitos sociais, culturais e tecnolóxicos. Unha destas accións é a realización de estudos e informes sobre o posicionamento do idioma no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.