- Lembrou o papel do Nodo CIBER.gal ao servizo da sociedade, as administracións públicas e o tecido empresarial para previr, formar e anticiparse ás ciberameazas
- Destacou as medidas do Programa Galego de IA para impulsar a adopción da intelixencia artificial no tecido empresarial
A Xunta de Galicia consolida a súa aposta pola ciberseguridade e a intelixencia artificial como elementos estratéxicos para avanzar na transformación dixital e reforzar a competitividade do tecido produtivo galego. Así o destacou hoxe o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey, durante a súa participación na inauguración da xornada Preparando ás PEMEs galegas para os novos desafíos: ciberseguridade e intelixencia artificial.
Na súa intervención, o máximo responsable da Axencia autonómica subliñou que a ciberseguridade e a intelixencia artificial constitúen dous dos principais retos e oportunidades para empresas, administracións e cidadanía no actual proceso de transformación dixital. Damián Rey fixo fincapé na necesidade de abordar a ciberseguridade como unha cuestión estratéxica, especialmente para autónomos e pemes, que dispoñen de menos recursos para facer fronte ás ameazas dixitais.
Para dar resposta a este desafío, o responsable da Amtega destacou que a Xunta basea a súa colaboración en sumar capacidades e en compartir recursos, a través de acordos bilaterais con entidades como o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), ou o Centro Criptolóxico Nacional (CCN) e con instrumentos como o Nodo Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal. Esta iniciativa, que integra administracións públicas, universidades, centros tecnolóxicos e empresas ten entre o seus obxectivos compartir información, anticipar riscos e poñer servizos especializados ao alcance de todo o ecosistema, incluídas as pequenas e medianas empresas.
Ademais, Galicia reforza esta visión colaborativa coa súa participación no proxecto RETECH, xunto con Cataluña e a Comunidade Valenciana e co Instituto Nacional de Ciberseguridade, para impulsar un centro transrexional de innovación e competencia en ciberseguridade, desenvolver servizos avanzados, apoiar a innovación e facilitar a transferencia destas capacidades ao tecido produtivo galego
No eido da intelixencia artificial, Damián Rey lembrou que Galicia conta cunha folla de ruta propia para impulsar a súa adopción con garantías, apoiada nun marco normativo pioneiro e no Programa Galego de Intelixencia Artificial. Este programa incorpora medidas específicas orientadas a favorecer a súa implantación nas empresas e mellorar a súa competitividade, innovación e produtividade.
Entre estas medidas, salientou o programa IA360, que apoia a optimización das cadeas de valor mediante o uso da intelixencia artificial en procedementos, servizos ou aplicacións empresariais e o Ticket Innova, dirixido a incentivar o uso de servizos de desenvolvemento tecnolóxico e innovación nas pemes.