Requisitos dos/das participantes
1. Poderá participar nas actividades formativas convocadas nesta resolución o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional de Galicia enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e das entidades locais de Galicia, así como o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) das universidades do SUG, que se encontre en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.
2. Está exceptuado o persoal docente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; o persoal das escalas dos corpos da policía de Galicia, policía local e bombeiros, e o persoal do Servizo Galego de Saúde, non entendendo por tal os/as empregados/as públicos/as da escala de saúde pública e Administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Sen prexuízo do anterior, poderánselle ofertar actividades formativas ao persoal empregado público pertencente a outras entidades, organismos e institucións públicas, cando así se estableza na epígrafe «persoal destinatario» da actividade formativa.
Desenvolvemento das actividades de formación
As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, coa duración e coas condicións que para cada unha delas se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como ás súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web
Solicitudes e prazos
1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 12 de xuño de 2026.