- O máis demandado foi a atención psicolóxica, que representou a 60% dos casos, por diante das cuestións de carácter social ou xurídico
En catro meses de funcionamento, os catro Centros de Información á Muller (CIM) móbiles consolídanse como un recurso público e gratuíto fundamental para asesorar e acompañar as mulleres do rural galego. En concreto, case 400 se achegaron a trasladar todo tipo de cuestións e preocupacións, confirmando que este servizo “é moi necesario”. Así o cualificou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, que esta mañá, acompañada do director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou na presentación do balance de actividade desta iniciativa.
Neste primeiro cuadrimestre, os CIM móbiles percorreron máis de 60.000 quilómetros; estiveron presentes en preto de 160 concellos galegos rurais das catro provincias e tamén nos sete campus universitarios. “Os ámbitos –incidiu a conselleira– onde consideramos que era máis necesario chegar”. Neste tempo, case 400 persoas se achegaron a informarse, o que se concretou en máis de 150 intervencións con usuarias.
O máis demandado foi a atención psicolóxica, que representou o 60% dos casos. Cuestións relativas á xestión emocional ou asesoramento sobre os vínculos afectivos, así como a identificación de patróns de alerta foron as consultas máis repetidas, por diante doutras de carácter social ou xurídico. Ademais, realizáronse accións de sensibilización tanto dirixidas a estudantes como en eventos sociais.
“Estamos ante un recurso imprescindible para seguir concienciando e sensibilizando a poboación”, remarcou Fabiola García, que engadiu que os CIM móbiles ofrecen “unha atención integral e multidisciplinar que os consolida como un recurso de proximidade”. Un dos aspectos que reafirma a boa acollida deste servizo é a súa alta demanda, xa que a maioría dos concellos solicitaron novas visitas destes CIM móbiles despois da primeira intervención.
Os CIM móbiles, lembrou a conselleira, reforzan o labor que desenvolven os 84 CIM cos que conta Galicia. Estes últimos son un recurso que o Goberno galego traballa para consolidar e, con este obxectivo, hai unha semana aprobou en Consello a convocatoria dunha nova orde de axudas de cinco millóns de euros para financiar o seu funcionamento.
“A Xunta –concluíu Fabiola García– está sempre ao carón de todas as mulleres que o precisen”. “Queremos que Galicia sexa unha comunidade na que as mulleres se poidan sentir independentes e libres”, rematou.