- A posta a disposición destes formularios forma parte dos traballos que se están a levar a cabo para a entrada en funcionamento da Plataforma Urbanística Dixital de Galicia (PUDG) promovida pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
- Esta Plataforma permitirá optimizar a xestión reducindo os prazos de tramitación, mellora a prestación de servizos a toda a cidadanía, aumenta a eficiencia e reforza a transparencia e seguridade xurídica
A xunta aprobou 11 formularios normalizados para a solicitude de determinados procedementos na tramitación de instrumentos de planeamento urbanístico. A disposición derradeira cuarta do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, establece que os formularios dos procedementos administrativos iniciados por instancia de parte e tramitados ante o órgano autonómico competente en materia de urbanismo serán obxecto de desenvolvemento normativo posterior.
Pola súa banda, a Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, modificou, entre outros, o artigo 60 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), relativo á tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, pasando a iniciarse agora a súa tramitación ante a Dirección xeral de Urbanismo (DXU) en lugar de ante o órgano ambiental. Este cambio procedimental implica a necesidade de crear novos formularios para a tramitación do Plan xeral de ordenación municipal e as súas modificacións, así como para aqueles planeamentos de desenvolvemento con avaliación ambiental estratéxica ordinaria que se tramitan por ese mesmo artigo 60 e polo tanto teñen que iniciar a súa tramitación ante a DXU.
Ademais, a referida lei de medidas engadiu un novo artigo 83.bis á LSG, relativo á rectificación de erros dos instrumentos de planeamento urbanístico aprobados definitivamente pola Xunta de Galicia, polo que esta nova previsión tamén precisa dun formulario normalizado.
Ademais dos anteriores, créanse outros 3 formularios normalizados de solicitudes e comunicacións previstas na Lei do solo de Galicia que na actualidade non teñen un modelo estandarizado para a súa presentación, co fin de facilitar a tramitación a través da sede electrónica sen necesidade de empregar o formulario xenérico habilitado para os supostos que non teñen formulario propio.
Cando a Administración nun procedemento en concreto estableza expresamente modelos específicos de presentación de solicitudes, estes serán de uso obrigatorio para as persoas interesadas (artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas).
A posta a disposición destes formularios forma parte dos traballos que se están a levar a cabo para a posta en funcionamento da Plataforma Urbanística Dixital de Galicia, promovida pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e desenvolvida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que permitirá a tramitación integral dos instrumentos de planeamento urbanístico e ordenación do territorio.
A Plataforma permitirá realizar de principio a fin todos os procedementos administrativos necesarios para a tramitación do planeamento coa participación de todos os actores. Ademais dos concellos directamente implicados, a plataforma integra á Xunta de Galicia, aos organismos que interveñen na emisión dos informes sectoriais a través das diferentes Administracións públicas, e á cidadanía que participa na fase de consultas da tramitación ambiental ou no proceso de información pública.
A Plataforma estará aberta á cidadanía para que calquera persoa podida ver en todo momento o estado de tramitación do expediente. E permitirá tamén levar a cabo a xestión da documentación, o que resultará de gran axuda, sobre todo para os concellos máis pequenos, con menos medios técnicos e persoais.
O uso desta ferramenta permitirá optimizar a xestión da tramitación, mellorar a prestación de servizos a toda a cidadanía e aumentar a eficiencia, transparencia e seguridade xurídica. Ademais, reducirá os prazos de tramitación, que no caso do planeamento urbanístico é un aspecto dunha enorme importancia.
Neste momento está en marcha a primeira fase para a posta en funcionamento da plataforma, que rematará en 2027.
Os novos formularios aprobados son os seguinte:
- UR300A (Anexo I). Documentación previa para a redacción do Plan xeral de ordenación municipal
- UR300B (Anexo II). Tramitación de plan xeral de ordenación municipal e da súa avaliación ambiental estratéxica
- UR301A (Anexo III). Modificación puntual de planeamento xeral que non ten por obxecto a delimitación de solos de núcleo rural, e da súa avaliación ambiental estratéxica
- UR301B (Anexo IV). Modificación puntual de planeamento xeral que ten por obxecto a delimitación de solos de núcleo rural, e da súa avaliación ambiental estratéxica ordinaria
- UR301C (Anexo V). Corrección de erros de planeamento xeral aprobado definitivamente pola Xunta de Galicia
- UR302A (Anexo VI). Tramitación de plan parcial ou plan especial e da súa avaliación ambiental estratéxica ordinaria
- UR302B (Anexo VII). Modificación puntual de plan parcial ou plan especial e da súa avaliación ambiental estratéxica ordinaria
- UR303A (Anexo VIII). Delimitación de solo de núcleo rural e da súa avaliación ambiental estratéxica ordinaria
- UR303B (Anexo IX). Modificación puntual de delimitación de solo de núcleo rural e da súa avaliación ambiental estratéxica ordinaria
- UR304A (Anexo X). Declaración de procedencia para a ordenación urbanística que afecte a varios municipios
- UR305A (Anexo XI). Alegacións a instrumentos de planeamento urbanístico en tramitación promovidos pola Dirección Xeral de Urbanismo
Os formularios estarán accesibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (sede.xunta.gal), e entrarán en vigor aos 20 días da súa publicación no DOG (o 30.06.2026).