O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Aministración Local, Natalia Prieto, e do director xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico, Arturo López, reuniuse hoxe co vicepresidente primeiro da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), ángel Moldes, para abordar as achegas do organismo ao anteproxecto da Lei de Administración Local de Galicia. Nesta liña, o conselleiro lamentou que ao encontro non acudise o presidente da Fegamp, Alberto Varela, e tampouco o vicepresidente segundo, Secundino García, e a vicepresidenta executiva, María Barral, representantes do BNG e do PSdeG.
A Xunta mantén o proceso de escoita e diálogo levado a cabo con encontros con outras entidades que presentaron aportacións ao anteproxecto, como as deputacións provinciais da Coruña, Lugo e Ourense ou os Colexios Territoriais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local (Cosital), co obxectivo de enriquecer o texto integrando todas as achegas construtivas para poder acadar así o máximo consenso posible.
Nesta liña, a Xunta comezou hai tres anos un traballo previo e moi complexo de revisión integral coa finalidade de adaptar á realidade actual a estrutura e o funcionamento dos municipios, provincias e demais entes locais galegos aos cambios normativos, sociais e tecnolóxicos. O anteproxecto é, por tanto, resultado dun proceso participativo que incluíu diferentes estudos, congresos e actividades dirixidas a recoller a maioría das demandas trasladadas polo municipalismo.
Esa vontade participativa continua actualmente durante a tramitación atendendo as aportacións realizadas por distintas entidades. Ademais, cómpre engadir que, posteriormente, cando o texto sexa aprobado polo Consello da Xunta como proxecto de lei e remitido ao Parlamento de Galicia continuará coa súa tramitación parlamentaria, onde poderá seguir enriquecéndose.
A nova lei supón unha oportunidade de actualizar o marco xurídico para modernizar a xestión do ámbito local, tras máis de tres décadas de vixencia da normativa actual. Trátase dunha reforma integral da norma actual e unha lei pioneira que converterá Galicia en referente estatal ao adaptar a normativa á realidade demográfica galega actual e aos desafíos do século XXI, así como ferramentas innovadoras para facerlles fronte.
As novidades do texto están relacionadas coa modernización na organización e funcionamento das entidades locais, o reforzo do papel das deputacións provinciais, o tratamento específico para os concellos en situación de reto demográfico ou a aposta polas fusións voluntarias de concellos e outras fórmulas de colaboración intermunicipal como as mancomunidades e as áreas funcionais de carácter temporal.
O anteproxecto da Lei de Administración Local de Galicia fixa ademais un novo sistema de participación nos tributos autonómicos introducindo precisamente os criterios que a Xunta lle vén demandando ao Estado. A actualización do sistema de financiamento local é competencia do Goberno central, así como a normativa de bases de réxime local, se ben, dentro das competencias autonómicas, o Goberno galego aborda esta cuestión na reforma da lei. Prevese tamén incrementar o financiamento incondicionado, mediante o aumento do fondo base e establecerase unha garantía de mínimos a todos os concellos, que aumenta 20 millóns de euros respecto ao modelo actual.
Cómpre lembrar que a Xunta, dentro da marxe que ten dentro das competencias autonómicas, incrementa cada ano as axudas aos concellos. Así, este ano o Fondo de Cooperación Local acada unha cifra récord de 187 millóns de euros dentro das transferencias para os concellos, que neste exercicio tamén supoñen unha cifra récord de máis de 670 millóns de euros.