- O encontro reunirá en Santiago especialistas de referencia tanto a nivel autonómico como estatal, para analizar cuestións como a temporalidade nas Administracións
A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) celebra hoxe venres, a partir das 9:30 horas, a xornada Claves actuais do emprego público no marco da boa Administración, un encontro que reunirá destacados expertos no ámbito académico, xurídico e da xestión pública para analizar algúns dos principais desafíos que afrontan actualmente as Administracións Públicas.
A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Nuria Aguilar, inaugurarán esta actividade formativa, que se enmarca no compromiso da Escola coa actualización permanente dos coñecementos e competencias do persoal ao servizo das Administracións Públicas.
A xornada abordará cuestións de máxima actualidade relacionadas coa organización e xestión dos recursos humanos no sector público, como a aplicación do principio de boa Administración ao emprego público, a avaliación do desempeño, os novos sistemas de selección de persoal ou os retos derivados da temporalidade nas Administracións.
Entre os relatores destaca a presenza do catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), Jesús ángel Fuentetaja; o profesor titular de Ciencia Política da Universitat Pompeu Fabra, Miguel Salvador Serna, e o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Granada, Federico Castillo Blanco.
Tamén intervirá o presidente da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Luis Fernando de Castro Mejuto.