- A normativa fixa 14 festivos: 12 marcados polo Estado e dous elixidos polos concellos
- Dos 12 festivos de ámbito nacional, nove son obrigatorios e só poden ser substituídos cando coincidan en domingo, ben polo luns seguinte ou ben por outro día que sexa de interese para a Comunidade Autónoma
- En 2027 prodúcese esta circunstancia o 15 de agosto (Asunción da Virxe), polo que Galicia propón cambialo polo 17 de maio (Día das Letras Galegas)
- Dos tres días festivos de carácter opcional, é dicir, que se poden substituír (Día de Reis, Xoves Santo, e San Xosé ou Día Nacional de Galicia), a Comunidade galega sempre opta polo 25 de xullo pero ao caer en domingo escolle o 19 de marzo (San Xosé)
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración polo que se determina o calendario laboral de Galicia previsto para 2027, no que se inclúen como festivos propios o 19 de marzo (San Xosé) e o 17 de maio (Día das Letras Galegas). A normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello.
Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (26 de marzo de 2027), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. No ano 2027 hai un festivo nacional de carácter obrigatorio que coincide en domingo: o 15 de agosto (Asunción da Virxe), que Galicia propón substituír polo 17 de maio (Día das Letras Galegas).
Os outros tres festivos de carácter nacional son opcionais, é dicir, poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que en Galicia nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (que en 2027 se celebrará o 25 de marzo), que na Comunidade galega non se modifica de xeito tradicional; e dáselle a opción ás comunidades de escoller como opcional entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. A Xunta sempre elixe o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia, tal e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo, pero ao coincidir en domingo o ano vindeiro elíxese o 19 de marzo (San Xosé).
Polo tanto, as festas do calendario laboral para Galicia no 2027 que se determinan son: 1 de xaneiro (Aninovo), 6 de xaneiro (Epifanía do Señor - Día de Reis), 19 de marzo (San Xosé), 25 de marzo (Xoves Santo), 26 de marzo (Venres Santo), 1 de maio (Festa do traballo), 17 de maio (Día das Letras Galegas), 12 de outubro (Festa Nacional de España), 1 de novembro (Todos os Santos), 6 de decembro (Día da Constitución), 8 de decembro (Inmaculada Concepción) e 25 de decembro (Natividade do Señor). Ademais destes días, cada concello fixa dúas xornadas festivas como propias da súa localidade.
Ligazón ao decreto no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260702/AnuncioG0767-250626-0001_gl.html