- Os proxectos presentados de forma conxunta entre distintas administracións ou concellos fusionados xa teñen prioridade no acceso ás axudas autonómicas para favorecer a optimización dos recursos
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na clausura do curso de verán da UNED centrado nas entidades supramunicipais como prestadoras de servizos esenciais para a cidadanía, onde destacou a aposta da Xunta polo fomento da cooperación entre administracións locais para mellorar a capacidade financeira e a calidade na prestación de servizos, contribuíndo a fixar poboación. Nesta liña, sinalou que a nova Lei de Administración Local de Galicia avanza neste obxectivo como modelo estratéxico de xestión.
Así, a norma dedica un capítulo enteiro ás fórmulas de cooperación e colaboración entre administracións, poñendo o foco na necesidade de prestar servizos públicos de forma eficaz e sostible para optimizar medios e non perder recursos.
O conselleiro referiuse á creación de novos mecanismos áxiles e moi demandados polas administracións locais, entre os que citou as áreas funcionais de carácter temporal ou as agrupacións en materia de persoal, situando a voluntariedade dos concellos na utilización das distintas fórmulas como clave da autonomía local. Cómpre lembrar que a Xunta xa incentiva a cooperación intermunicipal dándolles prioridade nas liñas de axudas aos proxectos presentados de forma conxunta por varias entidades locais ou por concellos fusionados.
Apoio ao financiamento local
Con respecto a outro dos temas abordados no curso, o financiamento, Diego Calvo incidiu no esforzo realizado polo Goberno galego cada ano para dar resposta ás necesidades do eido local. A través de instrumentos como o Fondo de Cooperación Local, que neste ano ascende a 187 millóns de euros, 20 millóns máis que o ano pasado, e diferentes medidas de apoio destinadas a que a poboación galega conte con infraestruturas e servizos municipais de calidade con independencia do seu lugar de residencia, a Xunta destina este exercicio un total 670 millóns de euros ás entidades locais, case 30 millóns máis que 2025 e a cifra máis alta da historia.
Ademais, a nova Lei de Administración Local de Galicia introduce novidades significativas en materia de financiamento ás que se referiu o conselleiro, como o establecemento dunha nova regulación da participación das entidades locais nos tributos económicos e a incorporación de criterios como a dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación. O obxectivo de mellorar a suficiencia financeira dos concellos e garantir un reparto dos recursos más equitativo.
Entre outras novidades da futura norma citou tamén o establecemento dun réxime especial para municipios en situación de reto demográfico, ofrecéndolles un apoio reforzado.
Para Diego Calvo, a celebración de cursos como o clausurado hoxe contribúen a darlle visibilidade ás necesidades do eido local e fomentan a reflexión arredor de temas de especial relevancia para a cidadanía, un obxectivo compartido desde a Xunta.