A Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) publicou no Boletín Oficial do Estado (BOE) a convocatoria do proceso selectivo para o acceso aos Corpos de Policía Local de Galicia, na Escala Básica, categoría de Policía, tanto por oposición libre como mediante o sistema de mobilidade.
A convocatoria, recollida na Resolución do 31 de xullo de 2026, ofrece un total de 105 prazas de acceso libre e 28 prazas por mobilidade distribuídas entre distintos concellos galegos. Entre os municipios con maior número de vacantes destacan Lugo e Pontevedra, con 12 prazas cada un, así como Vigo con 11, A Coruña con 8, Ferrol e Santiago de Compostela con 7, entre outros.
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude durante un prazo de vinte días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOE, é dicir, desde o 6 de agosto de 2026.
O proceso está regulado pola Orde do 21 de xullo de 2026, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), que establece as bases xerais para o acceso por oposición libre (procedemento PR461B) e para a provisión de postos mediante mobilidade (procedemento PR461D).
Desde a AGASP lembran que todos os anuncios e comunicacións posteriores relacionados coa convocatoria se publicarán conforme ás bases reguladoras do proceso selectivo.
As persoas aspirantes poden consultar a resolución completa no BOE a través da seguinte ligazón: Resolución da convocatoria da Policía Local de Galicia.