- Esta rede, que o ano pasado atendeu máis de 93.000 persoas, complementa o labor das 54 oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG), achegando un servizo próximo ao territorio e ás persoas con máis dificultades de inserción laboral
- A actuación enmárcase no proceso de modernización do SPEG, canda outras medidas como a renovación das oficinas, a implantación de caixeiros autoservizo ou as novas funcionalidades de autoxestión da Oficina Virtual da Persoa Demandante de Emprego
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que recolle que —cun orzamento superior aos 8,2 M€— se apoiará este ano a contratación de 250 persoas técnicas de orientación laboral en preto de 80 concellos e arredor de 45 entidades sen ánimo de lucro de toda Galicia. O obxectivo é reforzar a atención ás persoas desempregadas e mellorar as súas oportunidades de inserción no mercado de traballo grazas a un sistema de orientación laboral territorializado, complementario á rede de 54 oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).
Do total de contratos que permitirá formalizar a convocatoria, 87 corresponden a entidades locais e 163 a entidades sen ánimo de lucro, reforzando especialmente a cobertura en zonas con menor densidade de recursos de orientación e garantindo unha mellor equidade territorial no acceso ao servizo, ademais da atención de colectivos con maiores dificultades de inserción.
Cun balance de máis de 93.000 persoas demandantes de emprego atendidas en 2025, estes profesionais xogan un papel clave na mellora da empregabilidade, realizando diagnósticos individualizados, definindo itinerarios personalizados de inserción, acompañando os procesos de busca activa de emprego e ofrecendo asesoramento técnico en materia de currículo, formación e mercado laboral. Ademais, o persoal orientador contratado en concellos e entidades sen ánimo de lucro ten un papel relevante no desenvolvemento do perfilado competencial que se está a realizar a través da ferramenta de intelixencia artificial EMi, coa que xa se teñen perfilado máis de 115.000 persoas.
Os contratos destes orientadores terán unha duración de 12 meses e están financiados cunha contía de 33.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral, destinada a cubrir tanto os custos salariais como a cotización á Seguridade Social. Tamén se financian módulos adicionais para gastos de funcionamento, formación e apoio técnico, que se incrementan en función do tipo de entidade e das súas características.
Modernización e reforzo do SPEG
O fortalecemento deste sistema de orientación súmase ao proceso de modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia. Nese contexto, ademais da consolidación da ferramenta EMi, continúase a avanzar no programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, dirixido a mellorar a atención dos perfís con maiores dificultades de inserción e a optimizar os recursos dispoñibles.
Así mesmo, ao longo de 2026 séguense a impulsar actuacións de contacto directo co tecido empresarial mediante sesións grupais e encontros entre empresas e persoas demandantes de emprego, co obxectivo de mellorar o axuste entre oferta e demanda laboral. Estas iniciativas complétanse con outras como a renovación das oficinas de emprego, a incorporación de novos caixeiros autoservizo para trámites habituais —tanto nas oficinas do Servizo Público de Emprego como en 170 concellos rurais—, as novas funcionalidades de autoxestión da Oficina Virtual da Persoa Demandante de Emprego, o impulso da formación continua do persoal do SPEG e o desenvolvemento de actuacións orientadas a mellorar a empregabilidade ao longo de toda a vida laboral.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260902/AnuncioG0767-240826-0001_gl.html