- En total, reforzarase o firme de 65km e os traballos prolongaranse durante 6 meses
- Allegue enmarcou estas actuacións no compromiso da Xunta coa conservación e mantemento da rede viaria autonómica, cun investimento récord este ano de 71,6M€
- Nas outras tres provincias galegas a Xunta ten en marcha outros 8 proxectos para reforzar 41 estradas ao paso por 38 concellos, cun investimento de 24,3M€
A Xunta inviste 22,4M€ en actuacións de reforzo de firme en estradas autonómicas na provincia da Coruña ao paso por 31 concellos. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, supervisou hoxe en Vimianzo o inicio dos traballos dunha destas actuacións conxuntas en viarios da Costa da Morte.
En concreto, en Vimianzo a Xunta está a actuar en 2,5 quilómetros da AC-552 ao paso polo concello nesta intervención que abordan a rehabilitación superficial do firme, con distintas actuacións, restaurando as características do pavimento, para adecualo as súas necesidades funcionais e garantir a súa durabilidade.
Os traballos forman parte dun proxecto conxunto, cun investimento de 3,4M€, que a Xunta acaba de iniciar para intervir en 8 viarios autonómicos ao paso por 10 concellos da comarca da Costa da Morte (ademais de Vimianzo, inclúe os da Baña, Cabana de Bergantiños, Cee, Fisterra, Laxe, Muros, Muxía, Santa Comba, Vimianzo e Zas). En total, reforzarase o firme de 65km e os traballos prolongaranse durante 6 meses.
Allegue enmarcou estas actuacións no compromiso da Xunta coa conservación e mantemento da rede viaria autonómica, 5.500km, e lembrou que a Xunta está a facer un esforzo ano tras ano para incrementar o investimento neste eido, cun orzamento récord este 2026 de 71,6M€. “Temos unha folla de ruta perfectamente planificada, presupostada e que executamos cada ano”, destacou.
Neste senso, na provincia da Coruña está en execución o reforzo de firme de toda a autovía do Barbanza, cun investimento de 11,9M€ e tamén outro proxecto para intervir nas estradas VG-1.3, AC-161, AC-162, AC-163, AC-164 e outras en 7 concellos (Betanzos, Bergondo, Sada, Oleiros, Oza-Cesuras, Ordes e Cerceda), cun investimento de 3,5M€. E tamén está en execución o reforzo nos viarios AC-841, AC-543, AC-960 e AC-261 ao paso por Santiago, Boqueixón, Touro, Teo, Ames, Rois, Lousame e Noia. Prevese rematar algunhas das obras xa a finais deste ano ou no primeiro trimestre do 2027.
Nas outras 3 provincias galegas, son 8 os proxectos para reforzar 41 estradas ao paso por 38 concellos, cun investimento de 24,3M€. “En total 12 actuacións nas 4 provincias galegas e 46,7M€ que investimos agora na comunidade nesta materia de execución e conservación de firmes, vinculadas a outro dos nosos eixos, que é a seguridade viaria -apuntou-. Seguiremos a traballar para ter unhas infraestruturas conservadas, seguras, sen esquecernos do incremento de quilómetros en vías de altas prestacións”.