Eidolocal
O amplo programa de modernización e reforma da Administración pública galega, coa intención de achegar os servizos á cidadanía, cristalizou tamén cara á Administración local e este proceso instrumentouse mediante a formalización, o 15 de febreiro de 1996, dun convenio de colaboración subscrito pola Consellería da Presidencia e Administración Pública e a Federación Galega de Municipios (Fegamp), para a implantación e desenvolvemento dos servizos informáticos e de telecomunicacións nos concellos. Así mesmo, o 17 de setembro de 2001 asinouse unha addenda ao citado convenio coa intención de ampliar a dimensión do proxecto inicial de tecnificación dos medios operativos da Administración a través da implantación dun portal que intensificase a comunicación e tramitación de servizos vía internet entre as entidades locais e a Xunta de Galicia (Eidolocal).
Por todo isto, pódese dicir que Eidolocal é un portal que a Xunta de Galicia pon ao servizo das entidades locais para que estas poidan darlle información á cidadanía (zona pública do Eidolocal) e que, ao mesmo tempo, sirva de vía de comunicación permanente a través da rede entre todas as entidades locais e a Administración autonómica (zona privada de Eidolocal).
Finalidade
As administracións públicas teñen o deber de atender a cidadanía e as empresas ofrecéndolles os servizos que requiren da maneira máis adecuada e accesible. O uso das tecnoloxías da información e das comunicacións, combinado cos cambios organizativos e a mellora dos procesos, así como o desenvolvemento de novas habilidades nas administracións públicas constitúen unha base fundamental para ofertar servizos públicos de maior calidade.
A Xunta de Galicia pon a disposición, en Internet, Eidolocal, e pretende deste xeito, servir de canle de relación, permanente e inmediata, entre as entidades locais, a Xunta de Galicia e os/as propios/as cidadáns/ás , axilizando os procedementos e difundindo todas aquelas materias que resulten de interese para o ámbito local. Ademais, contribuirá a impulsar a aplicación das novas tecnoloxías, precisamente, no escenario onde este impulso será máis efectivo.
Liñas de actuación e servizos
Eidolocal engloba opcións que facilitan as actividades administrativas dunha unidade de rexistro e dunha oficina de información cara á cidadanía, ademais de intensificar e axilizar a comunicación e tramitación de servizos a través dá rede entre as entidades locais e a Xunta de Galicia, incluíndo entre outros:
- Rexistro de entradas/saídas: opción que permite rexistrar toda a documentación dirixida a calquera órgano da Administración autonómica de Galicia cos efectos previstos no artigo 38.4º b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e que, pola súa vez, pode ser utilizado polo propio concello para xestionar a súa propia documentación.
- Guía de procedementos administrativos: descrición, requirimentos, información detallada e instancias normalizadas de máis de 2.100 procedementos administrativos informatizados da Xunta que poden ser iniciados a instancia de parte.
- Acceso ao Rexistro Xeral de Contratistas: expedición de certificados de inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas.
- Acceso ao Portelo Único-Consulta de expedientes: información particular sobre o estado actual de calquera expediente administrativo tramitado a instancia de parte ante a Administración autonómica de Galicia, no que o solicitante sexa interesado nos termos establecidos na lei.
- Acceso gratuíto e completo ao DOG e posibilidade de envío telemático de disposicións para a súa publicación desde a parte privada do portal.
- Servizo de correo electrónico: para todos/as os/as funcionarios/as da entidade local dados de alta como usuarios/as no portal que o soliciten.
- Envío de documentación á Dirección Xeral de Administración Local: as entidades locais poden remitir e rexistrar no rexistro telemático da Xunta de Galicia as actas de acordos plenarios, actas de xuntas do goberno local, actas de comisións, publicacións de estatutos, autorizacións e orzamentos, cadro de persoal, fondo extraordinario, etc...
- Plataforma de contratación de Galicia: servizo desde o que calquera entidade local poderá manter os datos do seu perfil como contratante e publicar e xestionar os seus procedementos de contratación.
Entidades promotoras
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, mediante a Dirección Xeral de Administración Local, A Presidencia da Xunta mediante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Fegamp como representante de todas as corporacións locais de Galicia.
Participantes en Eidolocal
Requisitos técnicos
- Utilizar algún dos navegadores soportados:
- Firefox 52.0 ou superior.
- Google Chrome 46 ou superior.
- Internet Explorer 11.
- Utilizar algún dos sistemas operativos soportados:
- Windows 7 ou superior.
- Linux.
- Ter instalado o visor Acrobat Reader 10 ou superior para poder visualizar a documentación en PDF do portal.
- A resolución de pantalla recomendada, que non obrigatoria, para a correcta visualización dos contidos e servizos deste portal é 1024x768 píxeles.
- Ter instalada a Máquina virtual Java, versión mínima JRE 1.6.0_38 / JRE 1.7.0_10 (Para certos servizos específicos do Portal).
- Dispoñer dun Certificado Dixital da Fábrica Nacional de Moneda y Timbre - Real Casa de la Moneda ou Camerfirma de empregado público ou cidadán ou ben do DNIe. Para verificar a validez dos certificados, e polo tanto garantir a súa autenticidade, pode empregar a plataforma Valide, do Ministerio da Presidencia.
- Deberá ter instalada a ferramenta de escritorio Autofirma para garantir o correcto funcionamento dos compoñentes da firma electrónica nos servizos de Envíos Xunta, Buzón Sinatura e Alta en liña de usuario alcalde/secretario da entidade local. Pode descargala para os diferentes sistemas operativos nas seguintes ligazóns:
Pode descargar tamén o manual de instalación.
- O usuario debe ter en conta que os formatos que o portal permite anexar son: Word (.doc, .docx), PowerPoint (.pps, .ppsx), Excel (.xls, .xlsx), Adobe PDF (.pdf), WordPerfect (.wpd), OpenOffice.org (.odt, .ods, .odp) e ficheiros comprimidos (.zip).