Resolución do 3 de outubro de 2019 pola que se convocan probas de avaliación de carácter libre para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática.
Primeira. Obxecto
Obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática, regulada polo Decreto 218/2011, do 17 de novembro (DOG núm. 229, do 30 de novembro), tras a superación dunha proba presencial na que se acreditarán os coñecementos, capacidades e destrezas definidos no Plan formativo ofimático de Galicia.
Poden participar nestas probas todas aquelas persoas maiores de 16 anos, ou que os cumpran antes da finalización do prazo de inscrición, inscritas como usuarios/as da rede CeMIT.
Segunda. Contidos da proba
1. O temario para a avaliación será o descrito no módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas), asociado á unidade de competencia UC0233_2 Manexar aplicacións ofimáticas na xestión da información e a documentación, do Catálogo nacional de cualificacións. As capacidades e criterios de avaliación do dito módulo formativo poden consultarse no Real decreto 558/2011, do 20 de abril, polo que se complementa o Catálogo nacional de cualificacións profesionais, mediante o establecemento de dúas cualificacións profesionais correspondentes á familia profesional de Administración e Xestión (BOE núm. 109, do 7 de maio).
2. A rede CeMIT ten publicado na súa plataforma de teleformación (http://cemit.xunta.gal/ema) os materiais formativos que forman parte do curso CODIX baixo a modalidade de «Autoformación» como material de apoio para a preparación destas probas:
• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico.
• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer.
• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc.
• Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base.
• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress.
Terceira. Prazas convocadas, datas, lugar e horario
1. As probas de avaliación presencial que se convocan desenvolveranse de acordo co seguinte calendario:
2. As probas de avaliación terán lugar nas dependencias das aulas CeMIT de cada localidade indicada no punto anterior, localizacións que se poden consultar na web http://cemit.xunta.gal/centros.
Cuarta. Solicitudes de participación
1. As persoas que desexen participar nas probas presenciais deberán inscribirse a través da internet na páxina web de CeMIT http://cemit.xunta.gal.
2. Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como persoa usuaria da rede CeMIT. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.
3. O prazo para a inscrición será de sete (7) días naturais a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.