Entidades beneficiarias 1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os concellos situados no territorio do litoral galego, definido coma terra xunto á costa marítima dos mares Atlántico e Cantábrico.
2. Os requisitos para seren beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da entidade local solicitante.
4. Os concellos solicitantes deberán ter remitida a conta xeral do exercicio orzamentario de 2021 ao Consello de Contas de Galicia. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
Obxecto e réxime
1. As subvencións reguladas por estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións para a concesión de axudas para actuacións de rehabilitación de espazos singulares, dixitalización de recursos con potencial turístico e mellora da fachada turística no ámbito territorial do litoral da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse estas axudas para a anualidade de 2023.
3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Bases reguladoras
Resolución do 14 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503G).
Importe
1. As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 4.475.000 euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.760.0, proxecto 2022 00001, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023. O orzamento divídese en tres liñas de actuación subvencionables: transición verde e ecolóxica, cun orzamento de 2.700.000 €; transición dixital, cun orzamento de 675.000 €, e transición accesible e inclusiva, cun orzamento de 1.100.000 €.
2. Estas axudas financiaranse con cargo aos fondos asignados ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.
3. A intensidade máxima das axudas será dun 90 % do custo total do proxecto, co límite máximo seguinte para cada unha das liñas de axuda:
a) Transición verde e ecolóxica: contía máxima de 80.000 € por proxecto.
b) Transición dixital: contía máxima de 15.000 € por proxecto.
c) Transición accesible e inclusiva: contía máxima de 50.000 € por proxecto.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Prazo de xustificación da subvención
A entrega da documentación xustificativa terá de prazo ata o 31 de outubro de 2023.