Convocatoria extraordinaria de EMERGOU Programa provincial de cooperación cos concellos para paliar os danos das recentes inundacións en infraestruturas municipais da provincia de Ourense
1ª) Obxecto
Constitúe o obxecto das presentes bases a regulación do Programa provincial de cooperación cos concellos para a recuperación de infraestruturas e instalacións municipais de especial sensibilización para a cidadanía, sempre e cando sexa xustificable que estas foron afectadas por emerxencias acontecidas durante as riadas e inundacións que tiveron lugar entre o 26 de decembro de 2022 e 1 de xaneiro de 2023. Non serán subvencionables as actuacións que non garden unha relación directa cos danos ocasionados polas ditas inundacións.
A finalidade deste programa é subvencionar actuacións de recuperación de infraestruturas de competencia municipal, danadas polos efectos das extraordinarias precipitacións acumuladas ao longo do mes de decembro de 2022 na provincia de Ourense e que terminaron por provocar situacións de emerxencia nos concellos debido ás consecuentes riadas e inundacións entre o 26 de decembro e o 1 de xaneiro de 2023. A entidade beneficiaria deberá dispoñer da titularidade municipal dos bens, infraestruturas, instalacións ou equipamentos sobre os que se realizasen as devanditas actuacións de recuperación.
2ª) Beneficiarios. Gastos subvencionables
1. Poderán obter subvención no marco do programa regulado nas presentes bases os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes nos que, segundo os datos de Meteogalicia, se rexistrasen máis de 45 l/m2 de precipitación acumulada entre o 26 de decembro e o 1 de xaneiro de 2023 e causasen emerxencias e os consecuentes danos en infraestruturas ou instalacións municipais nas que foron precisas actuacións de acondicionamento, reparación, limpeza e retirada de materiais, mellora, reconstrución e/ou reparación. Todo isto, sen prexuízo de que os danos tivesen lugar en días posteriores a estas datas.
2. Terán a consideración de proxectos subvencionables todos os que, tendo este carácter conforme coa lexislación vixente en materia de subvencións, financiasen cun importe mínimo de 50.000 € as anteditas actuacións para a recuperación de infraestruturas de titularidade municipal afectadas polas recentes inundacións acontecidas na provincia de Ourense a finais de 2022.
3ª) Dispoñibilidades orzamentarias
O financiamento das subvencións reguladas no presente programa realizarase con cargo á aplicación 450.12/762.00 dos orzamentos da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2023 (MC 2/2023). Para estes efectos, será de aplicación a seguinte regra especial: 1ª) A contía total máxima estimada é de 500.000,00 €.
4ª) Contía das subvencións
Cada concello adherido disporá dunha axuda máxima por importe de 25.000,00 € e ata o 40 % do custo total do proxecto, que requirirá un investimento mínimo no proxecto de 50.000,00 €. Cada concello poderá presentar un único proxecto con todas as actuacións realizadas sobre esa infraestrutura motivo de reparación.
5ª) Adhesión ao programa e solicitudes de subvención: prazos, lugar de presentación e documentación para presentar.
As resolucións de adhesión ao programa -que inclúen as solicitudes de subvención- subscritas polo alcalde ou representante legal interesado, ou concelleiro no que delegue, irán dirixidas á Presidencia da Deputación Provincial e deberán presentarse no Rexistro Electrónico Xeral da Deputación, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, consonte co modelo que se achega como anexo I a estas bases.
O prazo de presentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da data de publicación das presentes bases no Boletín Oficial da Provincia. O dito prazo terá carácter improrrogable.
As solicitudes irán acompañadas da declaración do conxunto de axudas ou subvencións públicas solicitadas pola entidade ou que lle fosen concedidas para o financiamento das actuacións para as que se solicita subvención que se presentará consonte co modelo que se achega como anexo II a estas bases e do informe do técnico municipal sobre o sinistro acontecido na infraestrutura motivo de recuperación, data, actuacións executadas e custo total do proxecto, segundo o modelo que se achega como anexo III. Serán subvencionables varias actuacións, que deberán relacionarse nunha única solicitude. Na devandita solicitude deberá especificarse cada actuación por separado, con indicación expresa da tipoloxía do gasto (investimento ou gasto corrente).
No suposto en que o número de solicitudes supere as dispoñibilidades orzamentarias, a Presidencia concederá as subvencións baseándose nos seguintes criterios: orzamento do proxecto e poboación municipal o 1 de xaneiro de 2022, segundo os datos do IGE (Instituto Galego de Estatística).
O investimento realizado terá unha puntuación de 0 a 70 puntos. Outorgaranse 70 puntos á solicitude que conte cun maior investimento no proxecto de recuperación e aos demais, a puntuación segundo resulte da aplicación dunha regra de proporción directa (regra de 3): Puntuación solicitude “A” = Orzamento proxecto A x 70 puntos Maior orzamento nas solicitudes presentadas
A poboación municipal terá unha puntuación de 0 a 30 puntos. Outorgaranse 30 puntos á solicitude do concello que conte cunha menor poboación, e aos demais, a puntuación segundo resulte da aplicación dunha regra de proporción inversa (regra de 3):
Puntuación solicitude “A” = Menor poboación municipal x 30 puntos Poboación de A No caso de producirse remanentes de tesourería, a Presidencia, sen necesidade de realizar a unha nova convocatoria, poderá acordar a concesión da subvención que proceda ao seguinte ou seguintes solicitantes que non lograsen acadar a puntuación necesaria para obter subvención na presente convocatoria.
Convocatoria completa