- O obxectivo da iniciativa é mellorar a capacidade profesional e as oportunidades laborais das persoas participantes
- Poden solicitar as axudas, cun importe máximo de 100.000€ por proxecto, entidades privadas sen ánimo de lucro, administracións locais e os organismos dependentes
- Na edición, que se está a desenvolver actualmente, participan 147 persoas repartidas en 96 empresas
A Xunta de Galicia acaba de abrir o prazo ata o 28 de febreiro para que entidades e concellos presenten, a través da sede electrónica da Administración autonómica, as súas solicitudes para acollerse ao programa Xuventude Mentoring na Empresa. A convocatoria desta terceira edición, publicada no Diario Oficial de Galicia, ofrece á mocidade estadías formativas de ata catro meses en empresas ou entidades públicas ou privadas vencelladas a sectores económicos estratéxicos de Galicia. Trátase dunha iniciativa coa que o Goberno galego pretende mellorar as súas posibilidades de incorporación ao mercado laboral.
Con este propósito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude reforza con preto de 1,3 M€ esta nova convocatoria, que ten como finalidade reforzar tanto a empregabilidade como as habilidades e competencias profesionais de mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos e que se atopen inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Así, a través de Xuventude Mentoring na Empresa 2025 financiaranse proxectos de entidades que acollan entre 8 e 12 persoas mozas durante 3 ou 4 meses. A mocidade que realice estas prácticas terá que acadar un mínimo de 100 horas formativas e percibirá unha bolsa dun mínimo de 661,50€ mensuais.
Ao abeiro desta proposta, as entidades poderán solicitar axudas de ata 100.000€ por programa para acoller a persoas en prácticas. Poderán participar na convocatoria aquelas entidades privadas sen ánimo de lucro domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea e que desenvolvan a súa actividade na Comunidade no eido da mocidade e o emprego.
Tamén está aberta aos concellos galegos, mancomunidades de municipios ou órganos públicos dependentes destes. As axudas irán destinadas a sufragar distintos gastos, desde o persoal ao deseño de materiais.
Con este programa, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca achegar á mocidade os apoios necesarios para a súa transición á vida laboral despois dos seus estudos, potenciando a educación non formal, creando un ecosistema favorable á creación de oportunidades e favorecendo a captación e retención de talento en sectores económicos claves para Galicia, como son o da aeronáutica, agroalimentación, biotecnoloxía, automoción, enerxías renovables, madeira, metalmecánico, naval, pedra natural, téxtil, tecnoloxías da información e da comunicación.
Desenvolvemento do programa
Na primeira edición do programa beneficiáronse das axudas preto de 60 empresas que ofertaron un total de 170 prazas para as estadías de formación da mocidade galega, conseguindo unha porcentaxe de inserción laboral do 30% ao finalizar a experiencia. Na segunda edición, que aínda se está a desenvolver, participan 147 persoas repartidas en 96 entidades.
As axudas desta iniciativa, que se canalizan a través da Xunta, están cofinanciadas nunha porcentaxe do 60% pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027. Cómpre lembrar que tras a convocatoria e resolución da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coas propostas subvencionadas, correspóndelle ás entidades e concellos beneficiarios a súa posta en marcha. Así, como promotores do Xuventude Mentoring na Empresa serán os encargados de seleccionar ás persoas participantes e destinalas aos centros de traballo que se considere.