1. Obxecto
Aprobar a convocatoria de subvencións dirixidas aos concellos de menos de 20.000 habitantes, destinadas a prestar apoio económico para atender as necesidades urxentes das persoas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.
2. Requisitos das persoas beneficiarias das entidades destinatarias
Persoas empadroadas e con residencia efectiva en calquera dos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra que xestionen a súa demanda a través dos servizos sociais comunitarios do seu Concello e que carezan de ingresos suficientes para facerlles fronte aos gastos para os que se solicita a axuda.
3. Lexislación aplicable
Bases reguladoras da convocatoria de subvencións aprobadas polo acordo da Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra do 31 de xaneiro de 2025; Ordenanza xeral de subvencións da Deputación de Pontevedra; Bases de execución do Orzamento provincial para o ano 2025; LXS; Real decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da LXS; e demais lexislación aplicable.
4. Financiamento
A contía consignada para esta convocatoria ascende a seiscentos dezasete mil oitocentos (617.800,00) euros, dos que catrocentos catro mil oitocentos (404.800,00) euros son para gasto corrente, con cargo á aplicación 25/231.2313.462.00, e douscentos trece mil (213.000,00) euros, para investimento, con cargo á aplicación 25/231.2311.762.00 do Orzamento provincial.
5. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das bases e do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e na BDNS.
6. Outros datos de interese
- Solicitudes e documentación: as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal).
- A asignación das contías máximas establecidas para cada Concello defínese en función da súa poboación, índice de dependencia global, taxa de desemprego e renda dispoñible bruta.
- Conceptos subvencionables: os recollidos na base sexta da convocatoria.
- Compatibilidade: si.
- Forma de pagamento: transferencia.
- Forma de xustificación: mediante a documentación requirida na base décimo segunda da convocatoria.
- Prazo máximo para presentar a documentación xustificativa: ata o 28 de febreiro de 2026.