O Consello de Goberno recibiu hoxe un informe sobre a evolución da Plataforma Territorio Intelixente, que integra os datos xeográficos e de sensores para monitorizar o comportamento do territorio co obxectivo de mellorar a súa xestión e os servizos públicos de Galicia.
A Plataforma Territorio Intelixente integra datos procedentes dos sistemas de información xeográfica, a información das diferentes consellerías e unidades da Xunta, os datos procedentes de sensores instalados no territorio, os proporcionados polos satélites ou os procedentes doutros dispositivos, como os vehículos aéreos non tripulados. Toda esta información é normalizada para que poida ser compartida e xestionada de acordo cos estándares, e procesada para que poida ser utilizada para mellorar as políticas territoriais e os servizos públicos a través de aplicacións prácticas.
O territorio intelixente implica o uso da tecnoloxía para abordar problemas públicos, fomentar o desenvolvemento económico e mellorar a calidade de vida das persoas. A Plataforma desenvolvida pola Xunta recompila e adapta aos estándares das ferramentas tecnolóxicas toda a información dispoñible sobre o territorio para que poida ser utilizada con estes criterios polos diferentes departamentos da Administración.
O uso de tecnoloxías de alto impacto, como o Big Data, a aprendizaxe automática, a internet das cousas ou a intelixencia artificial permite ademais dispoñer de maior cantidade de datos e de mellor calidade. A Plataforma foi concibida como un sistema de sistemas que integra os compoñentes que xa existían anteriormente con novos elementos específicos para integrar datos masivos en tempo real e usar as potencialidades das novas tecnoloxías.
Servizos que ofrece a Plataforma
Na actualidade, a Plataforma ofrece xa servizos para o desenvolvemento e posta en marcha de aplicacións xeográficas adaptadas ás necesidades da Administración pública, como a creación de mapas e visores de información xeográfica; a edición directa de datos sobre o visor ao servizo da inspección ou as actualizacións urbanísticas; a impresión de mapas en múltiples formatos, ou a creación de visores con funcionalidades de cálculo e optimización de rutas para a planificación de servizos loxísticos ou xestión de emerxencias.
Ofrece tamén utilidades relacionadas coa publicación e o consumo de servizos de información xeográfica, como a conversión dos datos aos estándares internacionais e a posibilidade de exportalos e compartilos.
Por outra banda, a Plataforma permite a xestión e a análise de datos en aspectos como a realización de procesamentos avanzados, interpolacións de datos, análises estatísticas ou xeración de modelos preditivos. Isto facilita, por exemplo, a xestión de áreas nas que non se dispón de datos reais; o procesamento e a análise masiva de grandes cantidades de datos para, entre outros aspectos, detectar tendencias e padróns espaciais, ou analizar e interpretar fotografías procedentes de satélites ou vehículos non tripulados.
Entre os servizos da Xunta que están xa a utilizar a Plataforma están o portal de Meteo Galicia, a xestión do medio rural, a xestión dos incendios forestais ou a xestión do patrimonio e inventario de bens patrimoniais.
Potencialidade da Plataforma
A Plataforma pode, así mesmo, desenvolver a automatización e a aplicación de intelixencia de procesos para, por exemplo, xerar alertas e respostas automáticas ante cambios nos datos xeográficos ou os detectados por sensores en estruturas, como edificios ou pontes, e infraestruturas de comunicacións ou subministracións. Permite tamén organizar datos de sensores, como os da Rede galega da internet das cousas (iCousas), sobre calidade do aire, ruído ambiental, consumo enerxético, mobilidade ou calquera outro fenómeno que requira resposta inmediata.
Traballo desenvolvido ata agora para a posta en marcha da Plataforma
Para a súa posta en marcha foi necesario crear un modelo de goberno do sistema con estándares técnicos e procedementos, así como desenvolver unha infraestrutura tecnolóxica integrada con outras actuacións da Xunta, como a iniciativa Civil UAV de vehículos aéreos non tripulados, ou a Rede galega da internet das cousas (iCousas).
Houbo tamén que crear e consolidar servizos de información xeoespacial de alto valor engadido, como os que se están a desenvolver para a dixitalización dos Camiños de Santiago.
O orzamento para a posta en marcha da Plataforma é de 6,6 millóns de euros procedentes de fondos Feder, do Programa europeo para a recuperación dos territorios (REACT EU) e de fondos propios da Comunidade.
Na actualidade, a Plataforma está a experimentar unha transformación decisiva para converterse no soporte tecnolóxico principal do Xemelgo Dixital de Galicia (cun orzamento de 2,9 millóns de euros) e outros modelos preditivos como os que se levan a cabo coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a recuperación e dinamización da terra agraria.