— No último exercicio, preto de 60 concellos beneficiáronse desta liña de axudas, o que lles permitiu financiar máis de 200 proxectos
O Consello da Xunta vén de aprobar hoxe a orde de axudas destinadas aos concellos para que poidan desenvolver programas de inclusión sociolaboral orientados á poboación xitana, inmigrante e a outras persoas que se atopen en risco de exclusión. Deste xeito, o Goberno galego pon á disposición das administracións locais máis de 8 millóns de euros para o período 2025-2027, o que supón un incremento dun 5,6 % respecto á anterior convocatoria (2023-2025), que tivo un orzamento de 7,6 millóns. A convocatoria está cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo Plus 2021-2027.
A través destas partidas, os concellos e as mancomunidades poderán financiar actividades cos seguintes obxectivos: a adquisición de formación básica ou laboral adaptada ás necesidades dos destinatarios; a realización de actuacións de mediación intercultural ou de carácter residencial, así como para a materialización de programas de educación e apoio familiar. Tamén se mantén o programa específico de prestacións para a atención das persoas sen fogar.
Na convocatoria, os programas distribúense en 5 liñas de actuación, dirixidas a persoas en situación de exclusión social, poboación xitana, poboación inmigrante, persoas sen fogar e programas de educación e apoio familiar. O prazo para formalizar os programas subvencionados mantense nos dous anos, co obxectivo de que os proxectos ofertados teñan unha maior seguridade e estabilidade financeira. No último exercicio, preto de 60 concellos beneficiáronse desta liña de axudas, o que lles permitiu financiar máis de 200 proxectos. O importe máximo de axuda para cada liña é de 175.000€.
Esta liña de axudas enmárcase na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2023-2030, que fai fincapé na importancia das medidas orientadas á inclusión social das persoas usuarias dos servizos sociais comunitarios.