O Curso superior de Administración electrónica pretende afondar nos aspectos máis importantes da Administración electrónica desde unha tripla perspectiva, xurídica, técnica e práctica. Deste xeito, poden destacarse como principais obxectivos do curso os seguintes:
- Concienciar o alumnado sobre a importancia que ten a implantación da Administración electrónica nas distintas administracións da nosa comunidade.
- Proporcionar coñecementos teóricos e prácticos de informática e do réxime xurídico da Administración dixital.
Contidos
Este curso superior abordará os seguintes contidos:
- • Réxime xurídico dunha Administración dixital.
- • Identidade dixital: identificación e sinatura dixitais.
- • Sede electrónica e Carpeta cidadá.
- • Sistema único de rexistro. Canles electrónicas e presenciais.
- • Notificación electrónica.
- • Seguridade da Información. Impacto do Regulamento xeral de protección de datos.
- • Cooperación interadministrativa. Instrumentos de coordinación no desenvolvemento da Administración electrónica. Iniciativas no marco europeo.
- • Gov Tech. Tecnoloxía avanzada e ferramentas dixitais para mellorar a eficiencia, transparencia e accesibilidade dos servizos públicos.
- • Interoperabilidade de datos e documentos.
- • Arquivo electrónico e documentos electrónicos.
- • Licitación e factura electrónicas.
- • Atención á cidadanía. Transparencia e reutilización.
Número de prazas
Setenta (70).
Persoas destinatarias
O curso está dirixido ao persoal empregado público en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, que se encadren nalgunha das seguintes categorías:
• Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.
• Grupos I e II do persoal laboral.
No caso de non se cubrir a totalidade das prazas convocadas, ás vacantes que resulten poderá acceder o persoal empregado público das ditas categorías, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración local e da Administración de xustiza.
Para os efectos do establecido na Resolución do 25 de xaneiro de 2022, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración de cursos de formación e perfeccionamento para os efectos do baremo de méritos xerais do persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 1,5 puntos.
Desenvolvemento
- Datas: o curso desenvolverase desde o 9 de setembro ata o 28 de outubro de 2025.
- Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP); rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.
- Modalidade de impartición: mixta.
- Duración: 114 horas lectivas, 30 horas de clases prácticas presenciais e 84 de teleformación.
- As clases prácticas presenciais desenvolveranse os días 9, 16, 23 e 30 de setembro e 14 de outubro de 2025.
- Horario das clases presenciais: das 11.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.00 horas.
- A proba final en liña será o último día do curso, 28 de outubro, a través da aula virtual da EGAP (https://egap.xunta.gal/aulavirtual/).
Inscrición
- 1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo . As solicitudes entenderanse presentadas unha vez se complete correctamente o proceso de matriculación.
- 2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e requisitos de selección establecidos nas bases cuarta e oitava respectivamente desta convocatoria.
- 3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado desde que se detecte o feito.
- 4. As persoas interesadas deberán seleccionar, en primeiro lugar, a área en que está integrada esta actividade (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e, despois, seleccionar en «nome do curso»: Curso superior de Administración electrónica.
- 5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 2 de setembro de 2025.
Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 41 e 981 54 63 42.