- — A Administración autonómica convocou no último ano seis probas para a cidadanía nos niveis de iniciación e intermedio a través das aulas CeMIT
- — As persoas interesadas en dispor do certificado Comdix teñen á súa disposición diferentes itinerarios formativos en liña a través plataforma da Rede CeMIT
- — No mes de setembro publicaranse no DOG as novas convocatorias previstas para o último trimestre do ano
O Goberno galego ofrece formación gratuíta en competencias dixitais para facilitarlles aos galegos e ás galegas o acceso ao mercado laboral. Preto de 2.000 cidadáns dispoñen xa na Comunidade do Certificado galego de competencias dixitais (Comdix), impulsado pola Xunta de Galicia e que acredita, ante entidades públicas e privadas, os coñecementos e habilidades para utilizar as tecnoloxías dixitais.
No último ano a Administración autonómica realizou seis convocatorias dirixidas á cidadanía para a obtención do Comdix nos niveis de iniciación e intermedio, segundo se recolle nun balance elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia do cal foi informado hoxe o Consello da Xunta.
A estas convocatorias presentouse un total de 2.500 persoas, das cales 1.569 obtiveron o certificado do nivel de iniciación e 351 persoas o de nivel intermedio. En canto ao perfil das persoas certificadas, cómpre sinalar que son maioritariamente mulleres nunha franxa de idade de entre os 45 e os 65 anos. Para este ano están previstas novas convocatorias para outubro, novembro e decembro, cuxas datas sairán publicadas no Diario Oficial de Galicia no mes de setembro.
Formación para o acceso ao Comdix
Para facilitar a obtención do certificado, a cidadanía ten dispoñibles diferentes itinerarios formativos a través da plataforma de teleformación da Rede CeMiT, que se poden seguir, ben en réxime de autoformación, ou ben titorizado, que permiten acceder aos coñecementos necesarios para a posterior proba de certificación. Ademais, está en marcha unha nova modalidade, que é o curso titorizado e con avaliación continua, que permitirá a obtención da acreditación unha vez superado o curso.
A acreditación dixital da cidadanía apóiase na Rede de aulas CeMIT, tanto para formación como para a realización das probas presenciais para obter o certificado. Por iso, unha das medidas previas á apertura das convocatorias foi a formación dos axentes TIC das aulas e do persoal de entidades colaboradoras coa Rede. Desde 2023, máis de 220 formadores obtiveron a súa acreditación nos niveis dispoñibles para a cidadanía.
Marco galego de competencias dixitais
A Xunta de Galicia aprobou en 2021 o Marco galego de competencias dixitais, baseado no marco europeo e que define os coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para o desenvolvemento dunha sociedade usuaria dos servizos dixitais e crea a certificación galega en competencias dixitais (Comdix) así como requisitos e procedementos para a súa obtención.
O Marco galego de competencias dixitais establece un sistema de aprendizaxe progresiva con catro niveis, desde iniciación ata especializado, co obxectivo de mellorar a empregabilidade e a participación na sociedade dixital.