- A través desta medida fináncianse os investimentos en inmobles e na adquisición do material necesario para o seu funcionamento
- Natalia Prieto destacou o compromiso do Goberno galego para apoiar e reforzar o movemento veciñal e puxo en valor o seu papel para dinamizar as zonas máis rurais e fomentar a participación cidadá ante as institucións
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, compareceu hoxe no Parlamento galego para facer balance das axudas do Plan específico de acción comunitaria dirixidas a asociacións de veciños e de mulleres rurais e de comunidades de usuarios de augas. Así, detallou que desde a posta en marcha desta orde en 2016, o Goberno galego leva investidos case 26 millóns de euros en proxectos de máis de 2.300 entidades veciñais.
No que se refire ás subvencións concedidas neste ano, resultaron beneficiarios case 400 colectivos, case un cento máis que os 300 do ano pasado, aos que se destinaron os 4 millóns de orzamento. Medrou tamén o número de proxectos impulsados, con 454 actuacións fronte ás 341 de 2024. Como destacou a directora xeral, a partida para a orde deste ano incrementouse nun 33,3% fronte aos 3 millóns do exercicio anterior para poder atender un maior número de solicitudes debido á elevada demanda e ao éxito desta convocatoria.
No que respecta ás axudas concedidas neste 2025, sinalou que a meirande parte das entidades beneficiarias son da provincia de Pontevedra, con 172 actuacións subvencionadas por 1,7 millóns e de Ourense, con 128 proxectos por un montante de máis de 1 millón de euros. Pola súa banda, Lugo sumou 82 axudas, e A Coruña 76 con investimentos de 653.200 e 549.500 euros respectivamente.
A directora xeral aclarou que estas axudas contan con dúas liñas, unha delas cunha achega máxima de 12.000 euros para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas. A outra liña cubre cun máximo de 5.000 euros, a adquisición de equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias. Canto a tipoloxía das subvencións, explicou que este ano 307 entidades recibiron apoio da Xunta para a liña de obras por un importe total de case 3,4 millóns de euros, mentres que a contía restante de 603.700 euros se destinou a atender 147 solicitudes de mellora de equipamento.
Na súa intervención, a directora xeral resaltou “o compromiso da Xunta co reforzo e o apoio ao movemento veciñal para mellorar a convivencia e dinamizar as zonas mais rurais”. Así, engadiu que un movemento veciñal forte “pode influír positivamente na toma de decisións locais e fortalecer a participación cidadá”. De feito, considera que o asociacionismo veciñal é “un dos principais instrumentos para canalizar as demandas da cidadanía e o primeiro chanzo ao que poden dirixirse para trasladar as súas necesidades”.
No marco deste compromiso co movemento veciñal, Natalia Prieto, lembrou tamén a colaboración que a Xunta mantén coa Confederación Galega de Asociacións de Veciños Rosalía de Castro (Cogave), cun convenio anual que na última década supuxo unha achega de máis de 860.000 euros.