- A súa realización está prevista para a segunda quincena de novembro en Santiago de Compostela, Ponferrada e Madrid
A Xunta de Galicia abre hoxe o prazo para inscribirse nunha nova convocatoria das probas que permiten obter os certificados oficiais que acreditan o coñecemento da lingua galega. Así, tras a publicación no Diario Oficial de Galicia, as persoas interesadas en realizar os exames Celga poderán anotarse ata o vindeiro 3 de outubro.
Deste xeito, nesta segunda convocatoria do 2025, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude prevé a realización dos exames correspondentes aos niveis máis solicitados: Celga 2, Celga 3 e Celga 4. Así mesmo, está previsto que as probas se leven a cabo na segunda quincena de novembro, tanto en Santiago de Compostela como en Ponferrada e Madrid. As datas concretas dos exames publicaranse máis adiante no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua.
Esta convocatoria forma parte do traballo impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para favorecer o coñecemento e emprego da lingua galega de toda a sociedade e, nomeadamente, daqueles non nacidos en Galicia.
Tanto as solicitudes como o xustificante de pagamento das taxas (16,92 €) poderán presentarse por vía electrónica, a través do formulario normalizado da sede electrónica da Xunta, ou de modo presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.