Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións:
- Categoría 1ª: os concellos e as súas entidades instrumentais que xestionen os servizos públicos de competencia local recollidos no artigo 85.2.A da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.
- Categoría 2ª: as persoas físicas ou xurídicas privadas titulares de establecementos ou servizos turísticos.
Obxecto e réxime
- O obxecto é a concesión de subvencións para os procesos de certificación de normas UNE que conduzan á obtención ou ao seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística e/ou da marca S de Sustentabilidade Turística do ICTES, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento TU970A).
- O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e, no caso en que a persoa beneficiaria destas axudas realice unha actividade económica, quedará suxeita ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, serie L).
Gastos subvencionables
Consideraranse actuacións subvencionables as dirixidas á mellora da calidade e sustentabilidade turística mediante procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación da marca de Calidade Turística Q e/ou a marca S de Sustentabilidade Turística do ICTES, correspondentes ao ano 2025 e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2025. Concretamente serán subvencionables:
- Os custos de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema, facturados pola entidade auditora acreditada polo ICTES para a realización da auditoría de certificación, seguimento ou renovación correspondente ao ano 2025, da marca de Calidade Turística Q e/ou a marca S de Sustentabilidade Turística.
Non se terán en conta as xustificacións de gasto das auditorías internas realizadas polas entidades solicitantes no servizo/recurso turístico nin as cotas de adhesión destas ao ICTES no ano 2025, e quedan excluídos tamén os gastos xerados polo persoal dependente dos establecementos, así como aqueles gastos en que incorra a persoa ou entidade solicitante durante o proceso de implantación do correspondente referencial de Q de calidade e/ou S de sustentabilidade. Os importes obxecto de subvención serán os derivados, exclusivamente, dos custos de auditoría externa realizada no ano 2025.
- Os custos derivados dos dereitos de uso da marca Q e/ou da marca S no ano 2025, unha vez acadada a certificación, o seguimento e/ou a renovación do establecemento, facturados polo ICTES ao establecemento.
En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e as sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
Importe
As subvencións relativas ao obxecto desta resolución financiaranse cun crédito total de 210.000 €, dos cales 50.000 € corresponderán á categoría 1ª (concellos), con cargo á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.760.0, proxecto 2015 00005; e 160.000 € corresponderán á categoría 2ª (entidades privadas), con cargo á aplicación 04.A2.761A.770.0, proxecto 2015 00005, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos establecidos no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que implicará a posibilidade de atender novas solicitudes.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.