O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución da convocatoria para a creación de 20 novas casas do maior en diferentes concellos de Galicia, que suporán a creación de 100 prazas máis totalmente gratuítas destinadas á atención diúrna dos maiores.
Esta nova convocatoria conta cun orzamento dun millón de euros e permite incrementar a rede de casas do maior de Galicia ata as 160. A resolución recolle que se crearán dous novos recursos nos concellos de Muxía, Boqueixón, Camariñas e San Amaro; e un novo servizo destas características nos municipios de Ponteceso, Fisterra, Oía, Carnota, Dumbría, Mazaricos, Maside, Petín, Campo Lameiro, Cerdido, Quintela de Leirado e A Mezquita.
Nestes momentos en Galicia xa hai en funcionamento máis de 140 recursos destas características que prestan servizo a máis de 700 maiores. A Xunta impulsou estes recursos pioneiros co obxectivo de ofrecer unha atención totalmente gratuíta aos maiores que viven nos concellos máis pequenos Deste xeito, poténcianse os coidados de proximidade na contorna e ofrécense alternativas de asentamento de poboación no rural.