Ficha biblioteca

Nova A Xunta reafirma o compromiso co labor de secretarios, interventores e tesoureiros de Administración Local como piar na xestión municipal
Avisar de erros Imprimir ficha
Contido novo Valoración: 0 de 5 (0)
Datos contido
Información xeral
Data modificación29/09/2025 FonteXunta de Galicia
Taxonomía
TemasAdministración local Tipo de contidoNovas, Bolsas, Concurso/oposición ColectivosCidadáns/ás, Entidades locais, Interventores/as, Secretarios/as, Empregados/as públicos/as OrganizaciónsXunta de Galicia, Vicepresidencia e Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza Ámbitos xeográficosGalicia
Descrición Diego Calvo destaca o apoio do Goberno galego para contribuír a cubrir estes postos, con medidas como a creación pioneira dunha bolsa autonómica de interinos
Detalles contido
A Xunta reafirma o compromiso co labor de secretarios, interventores e tesoureiros de Administración Local como piar na xestión municipal Diego Calvo destaca o apoio do Goberno galego para contribuír a cubrir estes postos, con medidas como a creación pioneira dunha bolsa autonómica de interinos
29/09/2025|Xunta de Galicia

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou na celebración do centenario da constitución do Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local da provincia da Coruña. No evento reafirmou o compromiso da Xunta co labor destes profesionais e coa súa demanda de que o Goberno central aumente as prazas e cobertura destes postos.

Nesta liña, referiuse á medida pioneira posta en marcha en Galicia hai xa oito anos de crear unha bolsa autonómica de interinos, co obxectivo de facilitar a cobertura inmediata de postos de funcionarios con habilitación de carácter nacional. Segundo apuntou, desde entón fixéronse case 400 chamamentos e cubríronse preto de 200 postos reservados con persoal interino. “En todo caso, como vimos facendo desde hai anos, seguimos compartindo a vosa reclamación ao Goberno central para que se garanta a cobertura de todas as prazas vacantes, coa súa incorporación ás ofertas de emprego público”, engadiu.

Para o conselleiro, a falta destes profesionais nos concellos provoca grandes disfuncións, especialmente no caso dos de menos de 5.000 habitantes, que en Galicia representan máis do 60 % do total. Por este motivo, lamentou que na comunidade haxa 53 entidades locais no que as prazas reservadas de secretaría-intervención carecen de titular.

Diego Calvo manifestou tamén a preocupación da Xunta pola intención do Goberno central de transferir as competencias sobre habilitados ao Pais Vasco e Cataluña, insistindo no rexeitamento á cesión, xa que “rompe este corpo nacional e crea diferenzas non xustificadas con outras comunidades autónomas, diminuíndo a independencia destes funcionarios”.

Axudas específicas ao funcionamento

Cómpre sinalar tamén que a Xunta apoia os tres colexios oficiais de secretarios, interventores e tesoureiros de Administración Local constituídos en Galicia -da Coruña e Pontevedra, de Lugo e de Ourense- con axudas específicas. Así, entre os anos 2010 e 2025, estas entidades percibiron 245.000 euros para contribuír aos gastos de funcionamento da organización colexial e á realización das súas actividades.

O conselleiro destacou o traballo desenvolvido por estes profesionais, aos que se referiu como “garantes de legalidade, de bo funcionamento, de eficacia e de eficiencia da xestión municipal, e piares na mellora de toma de decisións por parte dos gobernos locais”. Para Diego Calvo, as atribucións deste colectivo son “as máis importantes que se realizan nunha entidade local”.

Na súa intervención, referiuse tamén á importancia da colexiación, tanto para os respectivos profesionais, xa que a unión permite a mellor defensa dos intereses e o reforzo do coñecemento e o recoñecemento, como para o conxunto da sociedade, xa que garante a profesionalidade e rigorosidade no desempeño das funcións.

Temas:Administración local
Colectivos:Cidadáns/ás, Entidades locais, Interventores/as, Secretarios/as, Empregados/as públicos/as
Organizacións:Xunta de Galicia, Vicepresidencia e Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
Ámbitos xeográficos:Galicia
Valorar:
Compartir contido