- Preto do 75% das persoas de 65 a 74 anos xa empregan internet e un terzo delas compran online
- En torno a un 65% dos internautas de 65 a 74 anos e máis do 40% de máis de 75 anos fan uso da administración dixital
- Sete de cada dez fogares con persoas maiores de 74 anos teñen xa conexión a internet
O uso de internet entre os galegos e galegas maiores de 74 anos creceu máis dun 30% no último ano e xa o emprega preto dun terzo destes usuarios. Con este incremento Galicia supera, por primeira vez a cifra das 100.000 persoas usuarias da rede nesta franxa de idade, e constata a progresiva incorporación do colectivo das persoas maiores ao uso da tecnoloxía.
Segundo o estudo Seniors dixitais. Edición 2024, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e publicado hoxe, o uso de internet entre as persoas de 65 a 74 medrou un 13,5% nun ano. Ademais, o documento sinala que máis de 60.000 persoas desta franxa de idade se incorporaron ao uso de internet entre 2021 e 2024.
Comercio electrónico
Respecto ao usos de internet, o informe destaca o crecemento nos usos do comercio electrónico. Máis do 17% das persoas maiores de 74 anos realizan compras en liña, un 50% máis que hai tres anos e no tramo de 65 a 74 anos a cifra sitúase en preto do 26%.
Ademais, o estudo sinala que cerca dun 65% das persoas de entre 65 e 74 anos e máis do 40% dos maiores de 74 anos fan uso da administración dixital para realizar as súas xestións.
Outras das actividades máis habituais do internautas seniors son a busca de información sobre produtos ou servizos, as chamadas e videochamadas –usadas polo 86,9% das persoas de 65 a 74 anos e polo 79,5% das maiores de 74–, así como a lectura de noticias, xornais e revistas en liña.
Dispositivos e conexión
O estudo reflicte, tamén, un incremento no uso de dispositivos electrónicos: o 83,4% das persoas de 65 a 74 anos emprega smartphone, mentres que no grupo de maiores de 74 a cifra alcanza o 43,1%. Máis dun terzo das persoas entre 65 e 74 anos usa ordenador, fronte a un 11% no caso dos maiores de 74.
Canto á conexión a internet nos fogares, o 67,6% que teñen residentes maiores de 74 anos dispoñen xa de internet, un 7,1% máis que no ano anterior. Ademais, máis do 78% destes fogares contan con velocidades iguais ou superiores a 30 Mbps.
A análise tamén pon de manifesto diferenzas segundo o sexo: mentres que no tramo de 65 a 74 anos o acceso a internet é practicamente idéntico entre homes e mulleres, a partir dos 74 anos a fenda amplíase, con 34,2% de internautas homes fronte ao 26,1% de mulleres.
Os resultados detallados do informe Seniors dixitais pódense consultar en osimga.gal.