- A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, dirixiu unha nova reunión da comisión mixta constituída polo Goberno galego e a FEGAMP para o traspaso destes dispositivos municipais
A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) acordaron hoxe os criterios para a integración das unidades asistenciais de drogodependencias (UAD) de titularidade municipal no Servizo Galego de Saúde.
A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, presidiu esta mañá, no edificio administrativo da Consellería de Sanidade, unha nova reunión da comisión mixta constituída polo Goberno galego e a FEGAMP para o traspaso destes dispositivos municipais.
Na reunión, as ponencias técnicas especializadas presentaron os seus informes definitivos coa análise dos medios humanos e materiais a traspasar, despois de ter incluído as achegas das entidades locais implicadas.
Estas ponencias, unha de persoal e outro sobre inmobles, están compostas por catro membros cada unha, cunha representación paritaria da Administración autonómica e a Administración Local.
Ademais, na xuntanza trasladáronse os criterios a aplicar para a integración das unidades asistenciais de drogodependencias no Servizo Galego de Saúde.
Tanto os informes como os criterios serán remitidos aos Concellos implicados para que sexan ratificados polos plenos municipais.
As unidades asistenciais de drogodependencia municipais están emprazadas nos concellos de Burela, Cangas, Carballo, Monforte de Lemos, Noia, O Grove, O Porriño, Ourense, Pontevedra, Ribeira, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Unha vez aprobados en pleno, a comisión mixta de integración ten prevista a súa próxima reunión o 19 de novembro para adoptar o acordo de traspaso.
Investimento de máis de 4 M€
O Consello da Xunta autorizou este verán a renovación da sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias para realizar programas de atención e protección da saúde no eido das adiccións.
En virtude deste acordo, a Xunta achega 4.022.800 euros para o financiamento das actuacións e programas que realicen as unidades de drogodependencia e de día de titularidade municipal.
Con este acordo, o Executivo galego dá continuidade aos servizos que xestionan as entidades locais no relativo a prestacións de atención sanitaria aos trastornos adictivos existentes en cada unha delas e fortalece unha asistencia sanitaria accesible e de calidade, fomentando a promoción da saúde e ampliando as medidas para evitar ou diminuír o consumo de substancias prexudiciais para a poboación galega.