Ficha biblioteca

Nova A Xunta abre hoxe o prazo para inscribirse nos primeiros exames Celga en liña
Avisar de erros Imprimir ficha
Contido novo Valoración: 0 de 5 (0)
Datos contido
Información xeral
Data modificación17/10/2025 FonteXunta de Galicia
Taxonomía
TemasEnsino e formación Tipo de contidoEventos, Novas ColectivosCidadáns/ás, Empregados/as públicos/as OrganizaciónsXunta de Galicia Ámbitos xeográficosGalicia
Descrición Galicia será a primeira comunidade con lingua cooficial en poñelos en marcha de xeito telemático
Detalles contido
A Xunta abre hoxe o prazo para inscribirse nos primeiros exames Celga en liña Galicia será a primeira comunidade con lingua cooficial en poñelos en marcha de xeito telemático
17/10/2025|Xunta de Galicia
  • Convocaranse cen prazas para as probas de nivel 4, que se celebrarán antes de que remate o ano e nunha data que non coincida coas presenciais
  • Serán necesarios uns requisitos informáticos que permitan o seu correcto desenvolvemento e verificar que non se producen axudas externas
  • A inscrición está aberta ata o 30 de outubro e debe ser por sede electrónica e tamén na plataforma de teleformación da Secretaría Xeral da Lingua

A Xunta abriu hoxe o prazo para inscribirse nos primeiros cen exames en liña das probas Celga do nivel 4 que acreditan o dominio do galego. Así, tras a publicación no Diario Oficial de Galicia, as persoas interesadas poderán anotarse ata o vindeiro 30 de outubro.

Deste xeito, Galicia será pioneira con esta iniciativa, ao converterse na primeira Comunidade das que contan con idioma cooficial en implantar este tipo de probas de maneira telemática, co obxecto de que calquera persoa poida avaliar as súas competencias en lingua galega e obter unha titulación oficial sen limitación física ou xeográfica.

A inscrición debe ser por sede electrónica e tamén se exixe presentar a solicitude través da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral da Lingua. As probas terán lugar neste cuarto trimestre de ano e fixarase unha data que non coincida cos exames presenciais deste nivel de Celga.

Requisitos técnicos

Para realizar os exames, as persoas solicitantes deberán dispoñer dun ordenador con conexión a internet e unha cámara web, á que accederá o sistema durante o tempo que dure a proba en liña co obxecto de verificar que a persoa realiza o exame de xeito autónomo e sen axudas externas.

De igual modo, deberá contar cun micrófono para a gravación de voz en formato electrónico (mp3 ou equivalente), ao igual que altofalantes para a escoita do son. Ademais, é necesario facer a proba cun teléfono móbil, xa que permitirá que o sistema controle o posto no que a persoa realiza o exame en liña desde un segundo punto de vista diferente ao obtido pola propia cámara web do ordenador.

Sorteo de prazas se hai máis de cen solicitudes

No caso de que se recibisen máis solicitudes que as cen prazas dispoñibles para esta convocatoria en liña, a asignación final realizarase a través dun sorteo aleatorio, que consistirá na obtención sucesiva de números ao azar. A partir da relación de persoas inscritas, obterase a listaxe da seleccionadas e mais as de agarda. Polo tanto, cómpre aclarar que, de darse esta situación, será indiferente a orde de entrada de inscrición por sede electrónica.

O sorteo realizarase nun acto público, o día 5 de novembro, ás 11,00 horas, na sede da Secretaría Xeral de Lingua que, posteriormente, publicará na súa páxina web a resolución coa listaxe de persoas seleccionadas e as de agarda. Así mesmo, todos os solicitantes recibirán na súa conta de correo electrónico un aviso co resultado ao respecto.

Proba en liña nos mesmos parámetros que as presenciais

A proba en liña seguirá os mesmos parámetros que as presenciais. Deste xeito, o exame escrito constará de dúas partes e a persoa disporá dun máximo de tres horas para realizalas. En canto ao oral, terá unha duración aproximada de trinta minutos e estruturase en catro partes: lectura dun texto, resumo e exposición oral a partir dun enunciado relacionado co tema e, finalmente, resposta oral a diversas cuestións tamén vencelladas co documento.

 
 
Temas:Ensino e formación
Colectivos:Cidadáns/ás, Empregados/as públicos/as
Organizacións:Xunta de Galicia
Ámbitos xeográficos:Galicia
Valorar:
Compartir contido