- ― Como novidade, asignarase un contrato adicional para desenvolver os labores de coordinación aos concellos adheridos ao convenio de colaboración entre o Goberno galego e a Fegamp en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais
- ― Co foco na protección do medio rural, por primeira vez asignaranse máis persoas contratadas aos concellos con máis de 1.500 hectáreas de redes secundarias de franxas de xestión de biomasa
- ― Con esta acción, o Executivo autonómico prevé apoiar unhas 300 entidades locais na contratación de máis de 1.000 persoas desempregadas durante nove meses a xornada completa para tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios
Dando continuidade á renovación integral das políticas activas de emprego e á aposta estratéxica a prol do rural, o Goberno galego reforzará no ano 2026 os apoios ás entidades locais para a contratación de persoas desempregadas no ámbito da prevención de lumes. Neste sentido, o programa Galicia Suma Talento: Rural Activo, dotado con 20 M€ o ano que vén, supón un novo enfoque nestas axudas incluíndo novidades como apoios para a contratación de persoas coordinadoras municipais de prevención de incendios que, neste caso, poderán roldar os 26.300 € por persoa contratada. Deste xeito, búscase fortalecer a planificación e eficacia dos traballos de prevención de incendios forestais, pois a persoa coordinadora —que poderá ser enxeñeiro/a de montes, enxeñeiro técnico/a forestal e similares— encargarase de guiar, con base nesa planificación autonómica, o traballo das persoas que se contraten ao abeiro desta iniciativa.
Ao fío da incorporación desta figura asignarase un contrato adicional para desenvolver estes labores de coordinación a todos os concellos adheridos ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fegamp en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais. Ademais, este programa, que será lanzado no comezo do ano 2026 e foi analizado hoxe no Consello da Xunta de Galicia, garantiralles aos concellos afectados polos grandes incendios forestais do verán/outono de 2025 o mesmo número de persoas contratadas este ano, sempre que se cumpran a totalidade de requisitos na convocatoria. Por exemplo, se un concello tivo tres contratos neste eido no 2025, terá os mesmos no vindeiro exercicio.
Outra novidade
A isto engádese que por primeira vez se asignarán máis persoas contratadas aos concellos con máis de 1.500 hectáreas de redes secundarias de franxas de xestión de biomasa. Neste sentido, poderán recibir subvención para ata cinco contratacións para labores de prevención de lumes e adicionalmente para contratar dúas persoas en tarefas de coordinación neste eido.
Este reforzo súmase ao que está a facer o Goberno autonómico noutras medidas a prol da empregabilidade das persoas sen traballo que contan con maiores dificultades de inserción laboral e da consolidación dun modelo de prevención baseado na cooperación entre administracións. Entre outras, nos obradoiros duais de emprego 2026-2027, nos cales se reforzarán os relacionados coa prevención forestal.
Máis detalles da orde
A orde de Galicia Suma Talento: Rural Activo publicarase no DOG a comezos do ano 2026 e o Goberno galego prevé apoiar con ela unhas 300 entidades locais na contratación de máis de 1.000 persoas desempregadas durante nove meses a xornada completa para realizar tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios — planificación preventiva, valorización forestal, silvicultura, limpeza de montes ou xestión da biomasa—. Neste sentido, as contías das axudas ás entidades locais por persoa contratada son para apoiar os custos salariais e da Seguridade Social e poderán oscilar entre os preto de 17.000 € e os 26.300 € por persoa contratada, segundo o seu perfil e grupo de cotización.
Ademais, con esta iniciativa, o Goberno galego continúa potenciando a formación das persoas contratadas en aspectos como as tarefas de prevención de incendios, o risco de lumes e o manexo de ferramentas e maquinaria empregada nestes labores, entre outros. Tamén se continuarán priorizando na selección —da que se encargan as oficinas de emprego—, entre outras, as persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia, así como as persoas desempregadas que participasen en obradoiros de emprego, programas integrados de emprego, programas mixtos de formación e emprego ou accións formativas AFD, relacionadas co eido forestal, a conservación e mellora de montes, silvicultura, agricultura, gandaría e xardinaría.
Con este novo enfoque que brinda este programa a este tipo de apoios autonómicos, a Xunta busca impulsar a mellora da empregabilidade das persoas participantes dotándoas de experiencia e práctica profesional. Ao mesmo tempo, como prioridade estratéxica, apóiase a prevención de incendios forestais reforzando a defensa sostible do territorio.